Pontevedra cualifica de “represión” a sentenza que obriga a devolver a paga extra

Concello de Pontevedra_Ernesto

Segundo o tenente de alcalde do goberno local, o nacionalista César Mosquera, “utilízase o aparato do Estado contra quen discrepe das políticas de recortes”.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obriga a devolver a parte d@s funcionari@s do Concello de Pontevedra a extra de 2012 que se pagou en concepto de produtividade despois de que o Goberno central do PP a suprimise.

O tenente de alcalde do Concello de Pontevedra, César Mosquera, do BNG, deu a coñecer en rolda de prensa o fallo xudicial que obriga a reintegrar ás arcas municipais á metade d@s 406 funcionari@s e persoal laboral que viron compensada esta retirada de paga coa realización de horas extra.
Mosquera anunciou que o goberno municipal acatará a sentenza, aínda que advertiu que “non é de doada aplicación”, xa que o fallo xudicial non anula o expediente no que se certifica que o equipo do Concello ten dereito a cobrar as 16 horas extra que realizou.

Insubmisión

O concelleiro nacionalista enmarcou a sentenza do alto tribunal galego na liña de “usar o aparato represivo do Estado contra todo aquel que discrepe ou se mova fronte ás medidas de recortes que se están a adoptar”, como fixo o goberno local ao que pertence, nunha medida -a de manter a extra- que no seu día cualificou de “insubmisión aos recortes do PP”.