Pontevedra recolle o premio Intermodes polo proxecto Metrominuto

O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores encabeza a delegación desprazada até a capital belga. Segundo a axencia que entrega o galardón o "modelo urbano aplicado por Pontevedra" debería ser exportado a outras cidades europeas.

 

"Un exemplo a seguir", así o considerou a axencia Intermodes que outurga anualmente o Premio europeo á mobilidade. O Concello de Pontevedra recolle esta cuarta feira en Bruxelas o galardón polo plano peonil deseñado para a cidade da Peregrina. Un proxecto, o 'Metrominuto', que foi considerado "audaz" por habilitar rotas a pé que percorren a cidade. Os planos, determinan o tempo estimado de cada percorrido á fin de pular polo desprazamento a pé en troca de empregar vehículos particulares. Pontevedra, deseña desde hai máis dunha década un proxecto de cidade sostíbel que xa foi premiado en anteriores ocasións a nivel internacional.

Neste senso, Intermodes salienta que o premio procura recoñecer "o modelo urbano aplicado por Pontevedra" e que cre "podería ser facilmente incorporado" en cidades europeas "de tamaño semellante" ao da Pontevedra.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, encabeza a comitiva pontevedresa que recollerá na capital belga o galardón. Na súa visita, o rexedor reunirase co director xeral de transporte da Unión Europea, Matthias Ruete. Neste senso, membros da delegación tomarán parte do Congreso europeo sobre mobilidade en que debullarán o seu proxecto de facer máis sostíbel e peonil Pontevedra.


"O BNG ten claro que temos que tirar pola soberanía"
O rexedor pontevedrés falou esta cuarta feira sobre o conclave nacionalista que terá lugar o vindeiro mes de marzo. Neste senso, Fernández Lores desbotou a súa candidatura á portavocía nacional da organización frontista e asegurou que continuará como rexedor de Pontevedra "até que o desexen os veciños e os meus compañeiros".

O nacionalista, asegurou en declaracións á Radio Galega que o Bloque aspira a definir nesta Asemblea nacional "cal é o camiño a seguir" cara á soberanía nacional e salientou a "oposición á Unión Europea", como unha das ideas que poderían centrar o debate. Tamén así, Lores considerou que a asemblea apostará pola unidade do nacionalismo, "de todos aqueles que defenden este país".