Crise dos pellets

Pontón acusa o PP de "repetir as mareas de mentiras, manipulación e incompetencia" do Prestige cos pellets

María Lago, Luís Pérez, Ana Pontón, Rosana Pérez e Soledad Agra, este sábado en Muros. (Foto: Nós Diario)
"Están a demostrar, unha vez máis, a súa incompetencia para porse á fronte e liderar unha resposta ante un problema ambiental tan grave como o que estamos a vivir", di a líder do BNG.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou ao presidente do PP e da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "ante a marea de pellets que asolaga a costa galega, en lugar de ofrecer solucións, estea a repetir a marea de mentiras, manipulación e incompetencia" que xa utilizou na catástrofe do Prestige. Así, recriminou que volva utilizar o "mesmo modus operandi" que durante o caso do chapapote, "primeiro ocultando a marea de plástico e sen actuar nin pór medios" e, agora, "tentando manipular a situación a través dos medios públicos".

"Están a demostrar, unha vez máis, a súa incompetencia para porse á fronte e liderar unha resposta ante un problema ambiental tan grave como o que estamos a vivir", profundou Pontón, en referencia á "marea de indignación" que se está incrementando no país, non só pola marea de plástico, senón pola "marea de mentiras e manipulacións que volve pór en marcha o PP".

Ao fío diso, Pontón, manifestou que comparte "a indignación dos galegos ante unha situación que non só se limita ás Rías Baixas, senón que xa chega ás praias da Coruña, Ferrol e A Mariña" e fronte á que o Executivo de Rueda "non é capaz de ofrecer unha resposta transparente, acorde co problema".

Xunta e Estado, "instalados no pim-pam-pum"

Ana Pontón reprochou que, tanto a Xunta como o Goberno estatal, "permanezan instalados no seu habitual pim-pam-pum, absolutamente inútil para os galegos". "Desde o BNG reclamámoslle que se poñan a traballar para que haxa os medios e os recursos necesarios para solucionar este problema", demandou.

Para a líder nacionalista, "xa está ben de ver como ante catástrofes destas características, os gobernos non están á altura". E ante a "gravidade da situación", a líder nacionalista volveu pedir a comparecencia de Rueda no Parlamento para dar explicacións sobre a crise e a súa xestión e insistiu en reclamar ao presidente en funcións "unha resposta á altura da cidadanía deste país".

Solidariedade e recoñecemento

Pontón trasladou, ademais, "toda a solidariedade e recoñecemento" do BNG aos concellos afectados, que están a traballar "sós", ao sector pesqueiro e aos veciños e veciñas que van estes días ás praias galegas a recoller os pellets plásticos "ante a inacción de Xunta e Goberno español.

"Galiza merece unha presidenta e un goberno que non lle minta e que se poña á fronte cando hai problemas", concluíu Pontón, convencida de que o próximo 18-F van derrotar nas urnas "a marea de incompetencias e de mentiras e dar unha lección de dignidade ante o mundo".

Previamente, en Las Mañanas de RNE, Pontón manifestouse neste mesmo sentido e mostrou o "orgullo" pola resposta cidadá e avanzou que nesta mesma xornada, o Bloque rexistrou a petición de comparecencia de Rueda.

Pontón sinalou como prioridade a dotación de medios e recursos por parte da Xunta, goberno estatal para limpar as praias galegas e tamén depurar responsabilidades políticas en ambos os casos #ante o ocorrido hai un mes.