Pontón anuncia alianzas con persoas nacionalistas e colectivos que teñan o centro de decisión no país

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, salienta que o Bloque explora a vía dunha candidatura nacionalista na que teñan cabida todas as persoas nacionalistas de cara ás eleccións galegas.

Nunha entrevista emitida este domingo pola Cadena Ser, Ana Pontón apostou nunha candidatura nacionalista para as eleccións galegas, na liña do acordado este sábado na primeira reunión do Consello Nacional após a XV Asemblea Nacional. Sinalou ao respeito que o BNG aprobou poñer en marcha alianzas “con persoas nacionalistas e que defenden proxectos propios para o país” e con “entidades e organizacións co seu centro de decisión no país”, explicou.

A portavoz da formación nacionalista cualificou as eleccións galegas como un “reto” importante para o país e salientou a importancia de “consolidármonos como alternativa ao Goberno de Feijóo”, un Goberno que criticou por ser “tóxico para Galiza”.

Sobre a elección do candidato ou candidata á Xunta: "Hai moitas persoas valiosas no BNG que poden facer ese labor e imos decidilo colectivamente"

Anunciou que o BNG determinará como escollerá o candidato ou candidata e “nese momento, teremos que ver quen a mellor persoa”. Sinalou que “temos banquiño”, pois “hai moitas persoas valiosas no BNG que poden facer ese labor e imos decidilo colectivamente”. Preguntada por se querería ser ela mesma quen aspirase á presidencia da Xunta, a nacionalista indicou que “a verdade é que neste momento nin o valorei”. “Acabamos de saír da asemblea, temos por diante retos organizativos moi importantes”, engadiu.

Sobre a fórmula de concorrencia ás eleccións galegas, Ana Pontón admitiu que “non avaliamos o escenario”. “É un aspecto que temos que debater”, afirmou, e sinalou que “a suma sempre é positiva e estamos en momentos de sumar”. “Será a dirección e a militancia quen decida se a fórmula de concorrencia é nunha plataforma ou se esa fórmula vai acompañada das siglas BNG”.

Ana Pontón, quen salientou que “o nacionalismo e o BNG teñen moito futuro na Galiza”, asegurou que o Bloque nunca se converterá en “sucursal de Podemos”. Así, preguntada sobre unha posíbel coligazón da que formara parte Podemos, afirmou que “respectamos as dinámicas das outras forzas pero é evidente que Podemos é unha forza de carácter estatal e o BNG é unha forza nacionalista e é difícil converternos en apéndice de Podemos. É o contrario do que o país necesita, que necesita que os seus problemas teñan alternativas e necesitamos forza para defendelas”.