Pontón asegura que o BNG aposta por construír "a Europa da paz" fronte a unha UE "militarista"

A líder do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, nun acto en Ferrol (Foto: Nós Diario).
A portavoz nacional cualifica de "xenocidio" a situación en Palestina.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que o voto á súa formación nas eleccións do próximo domingo "é garantía para construír unha Europa que loite pola paz" fronte a unha Unión Europea (UE) "militarista" e que "mira para outro lado ante o xenocidio en Gaza".

Pontón participou esta quinta feira xunto á candidata Ana Miranda nun acto na Praza Vella de Ferrol, onde asegurou que, nestas eleccións, a papeleta do BNG "vale o dobre". "Como candidatura deste país, o equipo de casa que lle dá voz á Galiza e que defende unha Europa da cooperación, dos dereitos humanos e da paz, fronte á Europa do rearmamento e da guerra", manifestou.

Nas proximidades do Arsenal Militar de Ferrol, a dirixente nacionalista detallou que "está en xogo unha Unión Europea na que avanza o militarismo e que funciona como unha comparsa da OTAN e dos Estados Unidos", e que ademais "é cómplice do xenocidio de Palestina, unha vergoña e unha indecencia coa que a Unión Europa escribiu unha dás páxinas máis negras da súa historia".

Pontón tamén acusou ao Partido Popular de ser "cómplice" do xenocidio en Gaza como, na súa opinión, demostrou no Parlamento galego ao vetar unha declaración institucional. "O BNG está de lado de Palestina, porque non valen as equidistancias", subliñou.

En canto ao Goberno do Estado español, asegurou que o Executivo que preside Pedro Sánchez "non pode estar na pasividade mentres están a asasinar ao pobo palestino", por iso pediu "pasos firmes e adoptar unha posición" rompendo as relacións diplomáticas con Israel e procedendo ao embargo das súas armas.

"Eurocinismo"

Pola súa parte, Ana Miranda criticou o "eurocinismo" da Unión Europea cara a Palestina, xa que ao seu entender "prefire gastar en armas no canto de apoiar aos pobos e a cohesión social", detallando que por iso esta formación "quere loita" nunha aposta decidida pola resolución pacífica dos conflitos, e que, para iso, reclamará no Parlamento Europeo que rompa o acordo entre a UE e Israel e se suspendan as relacións diplomáticas.

Por último, Miranda destacou o traballo realizado polo BNG nos últimos anos nesta Cámara de representación, en defensa dos dereitos humanos e dunha "Europa da paz", levando así ás institucións comunitarias a voz de pobos como ou saharauí ou o palestino. "A nosa voz é inquebrantábel contra o sionismo e contra os masacres furibundos que se están producindo en Gaza", sentenciou.