Pontón asina coas alcaldesas e alcaldes do BNG compromisos de colaboración desde o goberno

Pontón mostra o documento asinado coas alcaldesas e alcaldes

O BNG quer levar a experiencia dos seus gobernos municipais á Xunta da Galiza, para reafirmar a súa vocación de forza transformadora desde o executivo do país. Ese é o sentido do acto que protagonizou esta quinta feira en Compostela.

A candidata do BNG e as alcaldesas e alcaldes nacionalistas asinaron en Compostela un documento baixo o título xenérico de Compromisos de Ana Pontón e os gobernos municipais nacionalistas para abrir un tempo novo, para orientar a colaboración, após o 25S, entre un executivo galego con presenza do Bloque e as corporacións locais.

“O BNG demostrou con feitos que sabemos facer moi ben as cousas cando gobernamos e, para min como candidata á Presidencia, é unha garantía saber que contamos para esa tarefa con persoas que xa abriron un tempo novo desde os concellos”, afirmou a tamén portavoz nacional da formación frentista.

A candidata e o poder municipal do Bloque comprométense a traballaren xuntos na mellora do financiamento local

Entre os compromisos concretos recollidos no documento, a candidata soberanista á presidencia da Xunta puxo en destaque as medidas encamiñadas a mellorar o financiamento dos concellos, ben como aquelas que teñen a ver coa ordenación do territorio e a planificación urbana.

"É urxente desaloxar o PP da Xunta, pero non vale só iso. Hai que garantir que ese desaloxo signifique non só un cambio de goberno, senón tamén de políticas", dixo Miguel Anxo Fernández Lores

Candidata, alcaldesas e alcaldes comprométense tamén a traballaren xuntos para colaborar desde os seus respectivos ámbitos de xestión na reabilitación de vivendas e espazos degradados, na xestión do medio ambiente (coa supresión de canons abusivos como os impostos  polo PP), ben como na loita contra a violencia machista.

No acto quen tomou a palabra en nome do poder municipal do Bloque foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. "É urxente desaloxar o PP da Xunta, pero non vale só iso. Hai que garantir que ese desaloxo signifique non só un cambio de goberno, senón tamén de políticas", dixo. "Non basta con saber o que se quere facer, hai que saber facelo", engadiu, nunha frase reivindicativa do balanzo de xestión das alcaldesas e alcaldes nacionalistas ao longo dos últimos anos: "Somos referentes ao longo do país en temas que van desde o urbanismo ao meio ambiente, tratamento do lixo e recuperación do patrimonio, políticas sociais e de igualdade, valorización dos sectores produtivos ou o apoio ao comercio local".

O espírito do acto resumiuno Pontón nesta frase: "Somos a candidatura que confía nas potencialidades do país, cun programa claro e solvente, avalado pola experiencia e o bon facer dos gobernos nacionalistas nos concellos".