Propostas da Executiva Nacional do Bloque

Pontón, Bará, Rodil e Presas perfílanse como as cabezas de lista do BNG

As candidaturas serán aprobadas definitivamente o 23 de xullo polo Consello Nacional da organización frontista. 

O BNG deu a coñecer a proposta de candidaturas ás eleccións deste outono elaborada pola dirección da organización nacionalista e que serán debatidas nas asembleas comarcais antes da súa aprobación definitiva, polo Consello Nacional, este sábado (23 de xullo). Os nomes foron achegados pola militancia através das asembleas comarcais decorridas por todo o país ao longo das últimas semanas. 

Xosé Luís Rivas, Mini, será o nº2 da Coruña

Para alén de Ana Pontón como cabeza de lista pola circunscrición da Coruña e candidata á Presidencia da Xunta, encabezan a candidatura de Ourense, Noa Presas, Luís Bará en Pontevedra e Olalla Rodil por Lugo. 

Desde o Bloque sinalan que a composición das candidaturas mestura a "renovación xeracional" coa experiencia achegada por persoas como Montse Prado, nº2 por Pontevedra ou Rosana Pérez, nº3 pola Coruña. Aliás, subliñan a incorporación de Xosé Luís Rivas, Mini, como nº2 da Coruña e a presenza do portavoz parlamentar durante esta lexislatura que remata, Francisco Jorquera, que fecha a candidatura. 

Montse Prado é a número 2 da lista por Pontevedra

Tamén aparece a deputada Tereixa Paz que clausura a listaxe da provincia de Ourense, o deputado Daniel Rodas en Pontevedra e o parlamentar Cosme Pombo no caso de Lugo. 

"A proposta de candidaturas está integrada por homes e mulleres dun amplo espectro profesional e laboral, na súa maioría cun amplo compromiso en movementos sociais, feministas, sindicais e de reivindicación de servizos públicos, e dereitos individuais e nacionais, que reflicten a diversidade da sociedade galega, mesmo recollendo situacións como a da emigración da xente moza", afirman desde a organización frontista.