Pontón critica a Rueda en Carballo polo boicot aos concellos "que non son do PP"

Ana Pontón e Evencio Ferreiro (á dereita), esta quinta feira en Carballo (Foto: Nós Diario).
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo esta quinta feira como exemplo de discriminación por parte da Xunta ao municipio de Carballo. A formación nacionalista iniciará unha ofensiva parlamentaria na que se tratará da circunvalación e a ampliación do polígono empresarial dese concello. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exemplificou esta quinta feira desde Carballo (comarca de Bergantiños) o que considerou como "discriminación" do Goberno de Alfonso Rueda para cos concellos que non son da súa mesma cor política. Ademais, anunciou unha ofensiva da súa formación no Parlamento galego para acabar con esa situación "nun dos municipios máis dinámicos do País".   

“Carballo é un exemplo de como os concellos BNG son capaces de xerar dinámica económica e mellorar a calidade de vida, pero temos a unha Xunta do PP que leva anos boicoteando e castigando a un concello que ten unhas condicións inmellorables para poder seguir avanzando”, denunciou a líder nacionalista, na súa  visita institucional na que mantivo un encontro co grupo de goberno que lidera Evencio Ferreiro.

A líder do BNG advertiu que “o boicot e o sectarismo que practica o Goberno do PP” non prexudica a un goberno local, senón aos veciños e veciñas dun municipio que “teñen dereito aos mesmos investimentos que outros concellos do País”, incidiu. Neste sentido, recordou que Carballo é ademais cabeceira de comarca un municipio de gran dinamismo económico, polo que “boa parte do que pasa na comarca depende de que en Carballo se fagan ben as cousas”, subliñou.

Neste sentido, Pontón avanzou que a ofensiva parlamentaria do BNG “a favor de Carballo e dos seus veciños e veciñas” centrarase en dúas infraestruturas que considerou “chaves” para o desenvolvemento económico e social deste municipio: a circunvalación e a ampliación do polígono empresarial. 

Galiza acolledora

Por outra parte, Pontón reclamou á Xunta da Galiza e ao Goberno español que “deixen a un lado a súa confrontación estéril e poñan por diante a vida das persoas que están xa nunha situación límite despois de fuxir dun país en guerra” e instou á Xunta para que "non mire a cor de pel nin a procedencia de persoas que fuxen dunha guerra".