Pontón desvela xa as tarefas para os primeiros 100 días de goberno

Pontón, no encontro

Os primeiros 100 días dun goberno do BNG porían xa sobre a mesa as prioridades para toda a lexislatura: criación de emprego, resgate dos servizos públicos e loita contra a pobreza.

Ana Pontón reuniuse esta cuarta feira en Santiago, no Auditorio, con persoas expertas en distintas materias para lles dar traslado das bases programáticas coas que o BNG concorre ao 25S.

"Queremos abrir un tempo novo con este programa para construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade, e para iso non chega con cambiar o xerente da Xunta, derrotar Feijóo é insuficiente se mantemos o mesmo traxe estreito que limita as nosas capacidades", dixo Pontón, quen lamentou que isto non o entendan así nen PP nen PSOE nen a Marea.

Pontón debullou as propostas programáticas do BNG, orientacións a pór en marxa xa nos primeiros 100 días de goberno, nun encontro con expertos e expertas en diferentes áreas, co obxectivo de "testar e enriquecer o programa electoral do Bloque", como Manuel González, audiovisual; María Reimóndez, feminismo e crítica literaria; Xosé Dios, sanidade; Alejandro Quiñoá, cooperación internacional; Cristina Domínguez, cultura; Alfredo Suárez Canal, medio rural; Carme García Negro, en pesca; Anxo Queiruga, integración social; Manolo Soto, medio ambiente; e Ana Rúa, política comercial, entre outr@s.

Os tres piares

Criar emprego, resgatar os servizos públicos e loitar contra a pobreza. Esas serían as liñas básicas que informarían as primeiras medidas dun goberno do BNG, avanzou Ana Pontón a este grupo de expertas e expertos.

A posta en marcha inmediata do Plan Retorna para a mocidade emigrada (con especial destaque para aquela con maior grao de cualificación, como as e os investigadores), o lanzamento dun plano de choque para o resgate e a mellora dos servizos públicos (desde a redución de listas de espera até a gratuidade dos libros de texto) e o estabelecimento de garantías do fornecimento de servizos básicos como a luz, medida esta en relación á loita contra a pobreza, comporían o primeiro pacote de programas a implementar desde o goberno.

No encontro coas expertas e os expertos, Ana Pontón refrendou a aposta do BNG na rotura do marco político vixente por ser un corsé que impide a liberación das potencialidades do país. A candidata nacionalista demanda o control do 100% dos recursos económicos do país por parte da Xunta, através dunha Facenda galega e o estabelecimento dun concerto económico como o vasco.