Pontón devolve o golpe a Feijóo: “Foi el quen creou caos na vida de moitas persoas”

Ana Pontón e Rosana Pérez, na visita ás instalacións de Congalsa

A palabra de orde de Feijóo de aquí ao 25S é ou eu ou o caos. Pois ben, Ana Pontón devolveulle esta terza feira o golpe ao líder conservador: “Foi el quen creou o caos na vida de moitas persoas”.

Pontón continúa a desenvolver unha moi intensa precampaña e esta terza feira foi a quenda da Póvoa do Caramiñal, concello en que visitou as instalacións de Congalsa, unha empresa que se dedica a transformar produtos derivados da pesca.

No seu encontro cos meios, a candidata do BNG tivo en todo momento Feijóo no albo das súas críticas. “É incríbel que Feijóo se apresente como a salvación ante o caos cando o que realmente fixo estes sete anos foi crear caos en moitos ámbitos e foi quen creou caos na vida de moitas persoas que non teñen oportunidades e ven como son desafiuzadas das súas casas ou que non poden chegar a fin de mes”, dixo.

Ao “caos de Feijóo” a líder nacionalista contrapuxo o “proxecto de país solvente e serio que representa o BNG, no que as galegas e os galegos poden confiar para deixar atrás estes sete anos perdidos”.

Ao “caos de Feijóo” a líder nacionalista contrapuxo o “proxecto de país solvente e serio que representa o BNG

Congalsa é unha compañía que se caracteriza, enfatiza o BNG através dun comunicado de imprensa, por ser un “exemplo de como xerar valor engadido e riqueza”, dai que no marco da visita ás súas instalacións Pontón aproveitase para divulgar as propostas programáticas do BNG en materia de I+D+I.

Nese sentido, a candidata do BNG á presidencia da Xunta dixo: “Precisamos un goberno que aposte pola investigación como un piar para un novo desenvolvemento de Galiza" e, destarte, lamentou que os sete anos de Goberno do PP na Xunta teñan situado Galiza nos niveis de I+D+i máis baixos de todo o Estado, con taxas inferiores ao 0,9% do PIB fronte á media estatal do 1,3 que, a súa vez, está moi por debaixo da media europea