Pontón di que a campaña vai de abrir un “tempo novo” e non do futuro das “estrelas convidadas”

Pontón e Cela, no almorzo informativo

Na véspera do comezo da carreira eleitoral, a candidata do BNG, nun almorzo cos meios, anuncia que a formación soberanista quer investigar desde o goberno a “fraude” da venda das caixas galegas.

A apenas 24 horas do comezo da contenda eleitoral que nos levará ao 25S, a candidata do BNG quixo trasladar á imprensa as súas reflexións sobre como foi a precampaña e sobre como presume que irá a campaña.

Pontón enfatizou que “estamos nunha campaña galega” e que, portanto, nela non debería estar en xogo o futuro dos líderes políticos estatais, de Rajoy a Sánchez pasando por Iglesias e Rivera. A cousa iría, portanto, de abrir un “tempo novo” para Galiza e non de ver quen sae mellor parado “nunha competición de estrelas convidadas ou estreladas”.

A candidata da formación soberanista invocou un dos mantras da campaña, o de o BNG ter “experiencia, solvencia e seriedade” para materializar o cambio que precisa Galiza, en alusión ao balanzo de goberno que apresentan as equipas de goberno nacionalistas nos concellos -e agora nas deputacións- do país.

A solución aos problemas da Galiza non pasaría nen pola continuidade de Feijóo nen pola aposta en “experimentos e improvisacións”, dixo Pontón en clara alusión a En Marea e, aliás, o que si lle conviría ao país sería pular por que unha forza propria do país e con xa percorrido na xestión pública sexa “a chave” para o futuro goberno galego aspirar a obter “máis poder político para Galiza e máis autogoberno para xerar emprego, benestar e mellores servizos públicos”.

Investigación

Pontón aproveitou o encontro coas xornalistas para anunciar o compromiso do BNG de impulsar na próxima lexislatura a investigación do que cualificou como “fraude” na venda das caixas galegas.

A portavoz nacional fixo este anuncio após trascender esta cuarta feira que o Estado xa dá por perdidos os 8.000 millóns de euros investidos no saneamento das caixas galegas. A fraude estaría precisamente en que despois de inxectar nelas esa cantidade o Estado tería vendido estas entidades, que controlan no mínimo o 50% do aforro galego, por apenas 1.000 millóns de euros a un banqueiro venezuelano.

Os responsábeis políticos desta operación teñen de dar explicacións. “Hai unha débeda coa verdade”, dixo Pontón.