Pontón di que só o voto ao BNG dá "peso político" a Galiza no Estado

Mitin do BNG en Soutomaior esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
"Non é o momento de votar polo mal menor, ni de votar por medo. Ao contrario", manifestou Ana Pontón.

Soutomaior, concello na comarca de Vigo que estrea alcalde nacionalista após as municipais do 28-M, acolleu o mitin central na xornada de onte do BNG para as eleccións do 23-X. Un acto no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou o chamamento a unificar na papeleta da formación nacionalista todo o voto "na defensa do noso país". A formación nacionalista encara o 23-X coa máxima ambición, incidiu Pontón, !para dar peso político a Galiza en Madrid".

"Somos a única forza coas mans libres para facer valer as causas da Galiza, desde un tren do século XXI a unha tarifa eléctrica galega, desde o corredor atlántico a políticas que creen industria, desde investimentos xustos á creación de máis xulgados de violencia de xénero", asegurou no mitin que compartiu coa cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, e o alcalde nacionalista de Soutomaior Manu Lourenzo.

"Non é o momento de votar polo mal menor, ni de votar por medo. Ao contrario. Pídolle a todos os galegos e ás galegas que o vindeiro día 23 de xullo voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte para facer respectar Galiza en Madrid sabendo que o BNG non lles vai fallar", concluíu Pontón.

Derrogación

Durante a mañá, Pontón mantivo un encontro cos representantes sindicais do sector do metal en Vigo,  desde onde avanzou que o BNG impulsará no Congreso a derrogación íntegra da reforma laboral aprobada polo PP en 2012, "utilizando a forzas dos votos que os galegos e as galegas nos dean na cita coas urnas o 23 de xullo".

"O BNG acertou cando advertiu que a reforma laboral aprobada polo actual goberno consolidaba o groso da reforma laboral do PP, tal é así que até o propio candidato do PP español Alberto Núñez Feixoo anunciou que non a ía cambiar porque lle parece unha boa reforma, proba de que os aspectos máis lesivos seguen vixentes", alegou a líder nacionalista.