18-F

Pontón apela ao voto das mulleres para "construír a Galiza en igualdade "

Noa Presas, Ana Pontón e Goretti Sanmartín nun momento do encontro (Foto: Nós Diario)

Comprométese a facilitar a conciliación con máis prazas públicas en escolas infantís e máis axudas do SAF, canguros a domicilio e redución da xornada laboral.

A candidata á Presidencia polo BNG, Ana Pontón, apelou esta quinta feira á forza das mulleres para ser o “motor do cambio” e pór en marcha “un futuro en igualdade plena” da man dun Goberno galego  liderado polo BNG e da primeira presidenta de Galiza. “Tras 43 anos é hora de ter unha presidenta e que comigo entren pola porta da Xunta todas as mulleres”, proclamou.

“Se o domingo as mulleres votamos masivamente polo cambio concentrando o voto na papeleta do BNG imos ter presidenta e comigo entrará pola porta da Xunta todas as mulleres e todos os homes que camiñan ao noso carón pola igualdade, que son a maioría”, subliñou nun encontro cunha ampla representación de mulleres realizado en Compostela, no que interviron tamén a candidata Noa Presas e a alcaldesa Goretti Sanmartín.  

Pontón asegurou que “o cambio está ás portas” e por iso fixo unha chamada para que as  mulleres sexan a forza dese cambio que xa e imparable, facendo historia coa primeira presidenta de Galiza. “Eu non quero facer historia por min, senón por todas e para todas”, agregou, comprometéndose a   “deixarse a pel” por construír unha Galiza na que as mulleres podan ser “libres e iguais”.

 1% do orzamento

Pontón, que anunciou que como presidenta asumirá as competencias en igualdade, aproveitou o encontro coas mulleres para avanzar as principais medidas que o “Goberno da igualdade” do BNG vai pór en marcha nesta materia e que se marcará como un dos seus obxectivos prioritarios destinar o 1% do orzamento , en torno a 110 millóns de euros, a combater a violencia machista.

Tras facer insistir en que as mulleres non poden seguir cargando coa falta dunha estrutura pública que coide ás persoas, avanzou un paquete de medidas para promover a corresponsabilidade.  Para iso co BNG na Xunta haberá un servizo público de canguros a domicilio, para crianzas de 4 meses a 12 anos, dirixido a cubrir necesidades de natureza extraordinaria, como pode ser que un neno ou nena teña que quedar na casa por enfermidade e os seus país traballen.

No que se refire á conciliación, adiantou tamén a ampliación da rede de escolas infantís públicas “porque a gratuidade está moi ben, pero pouco importa que sexan prazas gratuítas se despois esas prazas non existen ou non son suficientes para atender a todas as crianzas”. Na Galiza hai 63.400 nenos e nenas menores de 3 anos, pero só 11.217 prazas públicas, o que supón menos do 18 % da demanda. Se se suma a oferta privada, a cobertura chega só a metade da poboación.

Para axudar a conciliar ás persoas, maioritariamente mulleres, que teñen ao seu coidado a maiores, o programa de goberno do BNG aumentará en 86 millóns de euros o servizo de axuda no fogar (SAF). A redución da xornada laboral a 35 horas semanais é outra das propostas do BNG para facilitar ao conxunto dos traballadores e traballadoras a conciliación da vida laboral e persoal.   

Co BNG na Xunta haberá unha Valedoría da Igualdade, como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación, directa ou indirecta, por razón de xénero. Tamén se creará o Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica e cultural.