Pontón insta Feijóo a cesar Rueda pola súa "desastrosa" xestión da greve da xustiza

Ana Pontón, durante a comparecencia [Foto: BNG]

A líder do Bloque pide a Feijóo -que continúa a ollar para Madrid- que cese a quen se perfila como o seu delfín nun hipotético proceso sucesorio na Galiza. Para a portavoz nacional do BNG, Rueda debe ser destituído pola "desastrosa" forma en que ten xestionado a greve da xustiza.

A portavoz nacional do BNG reapareceu esta segunda feira após a paréntese da coñecida como Semana Santa cun apelo a Feijóo a que depure as responsabilidades políticas polo seu goberno non ter sido capaz de alcanzar un acordo coas traballadoras e os traballadores de xustiza que protagonizan unha greve desde xa hai logo dous meses.

 

Feijóo debería cesar Rueda e tamén o director xeral de Xustiza por teren carecido, dixo Pontón, de "cintura" política durante as negociacións co comité de greve. O Goberno galego non estaría a respeitar o funcionariado, a quen tería pretendido amedrentar con "prepotencia e chularía", sen o conseguir, constatou Pontón. De a Xunta ser unha empresa privada -enfatizou a líder do BNG- Rueda e o director xeral de xustiza estarían xa cesados.

 

A petición de responsabilidades de Rueda non ten a menor posibilidade de se vir a concretar, dado que se trata dun peso pesado do goberno galego e dun serio aspirante a un eventual relevo de Feijóo se este finalmente se trasladar a Madrid.