Pontón: “Se o PP veta a comisión de investigación sobre o sobrecusto do Álvaro Cunqueiro, admitirá a súa culpabilidade”

Carmela González, Ana Pontón, Xabier P. Igrexas e Alexandr. Fernández (Foto: Nós Diario)
O BNG reclama ao Executivo de Rueda que "non se agoche".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou en Vigo que espera que o PP non vete a comisión de investigación sobre o sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro que solicitará o BNG no pleno do Parlamento da vindeira semana porque, de facelo, “estará recoñecendo a súa culpabilidade”.

“O que lle pedimos ao PP é que non vete a creación desta comisión de investigación”, explicou Pontón para advertir a continuación que, do contrario, o PP “estará recoñecendo que ten moito que ocultar”. “Pedímoslle que non se esconda e que se non ten nada que ocultar, que apoie a creación desta comisión”, incidiu. A portavoz avanzou que o BNG chegará “até o fondo” para que o PP “asuma as súas responsabilidades”.

Neste sentido, cuestionou por que a cidadanía tivo que pagar 470 millóns de máis -“que deixaron de se investir na sanidade pública para engordar os beneficios das empresas concesionarias”, advertiu- por un hospital que ademais é “máis pequeno e con menos camas do que estaba previsto”. En concreto, 700 camas menos, 12.000 metros cadrados menos de superficie e de 16.000 m2 menos de aparcamento. “Un escándalo”, sintetizou.

Unha comisión de investigación que, segundo Pontón, non só ten que analizar “esta fraude”, senón tamén “todas as irregularidades e nepotismo” que se está producindo na contratación da Xunta. “Non só temos un sobrecusto de 470 millóns no hospital de Vigo, senón que tamén hai casos escandalosos como os 1.300 contratos adxudicados a dedo a EULEN, que en Galiza dirixe a irmá de Núñez Feijóo”, exemplificou.

Nesta mesma liña, o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que este sobrecusto demostra como a imposición do modelo que o PP quixo para o Álvaro Cunqueiro foi, na práctica, “o epicentro dese terremoto que, a golpe de privatizacións e recortes, converteu a área sanitaria de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria”.

Pérez Igrexas recordou que a cidadanía da área sanitaria de Vigo tense manifestado en contra do modelo do PP e exixido a súa rectificación e, neste sentido, reclamou o rescate desta concesión privada, “o rescate deste modelo privatizador do Hospital Álvaro Cunqueiro, para garantir que as viguesas e os vigueses e o conxunto da poboación da área sanitaria conseguimos ter o hospital cento por cento público, suficientemente dotado e nas condicións que merece a maior cidade deste País”, concluíu.