18-F

Pontón promete un plan de rexeneración das rías se chega á Presidencia da Xunta

Ana Pontón este domingo na manifestación en defensa do mar (Foto: Arxina).
A líder nacionalista lamentou que a Xunta "repetiu" ante esta "catástrofe de marea plástica" o mesmo modus operandi que durante o 'Prestige': "A ocultación, a mentira, a manipulación, a falta de respecto e a desprotección do medio ambiente".

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, mostrou o seu apoio á xente do mar, que "está a se rebelar contra as mentiras" e demostra "o seu amor polo medio ambiente".

En declaracións aos medios de comunicación na Alameda compostelá antes de participar na manifestación "en defensa do futuro do mar" convocada por máis dun centenar de organizacións ecoloxistas e agrupacións do sector, Pontón mostrou o seu "orgullo" de ser galega, xunto a "un país que se rebela contra a mentira" e "a desprotección".

A líder nacionalista lamentou que a Xunta "repetiu" ante esta "catástrofe de marea plástica" o mesmo modus operandi que durante o Prestige: "A ocultación, a mentira, a manipulación, a falta de respecto e a desprotección do medio ambiente".

"Hoxe aquí está un país en pé reivindicando que quere un Goberno que lle diga a verdade, reivindicando algo fundamental para Galiza, como é que temos que protexer ao noso mar. E iso é algo que tamén nos imos a xogar o próximo 18 de febreiro", avanzou.

Así, sinalou que quere ser a presidenta que lle diga "a verdade aos galegos" e que se poña á fronte "cando hai unha crise". A continuación, avanzou que se os galegos lle dan a confianza reclamará todas as competencias en materia de loita contra a contaminación mariña e de Salvamento Marítimo.

Rexeneración das rías

Ademais, anunciou que porá en marcha un plan de rexeneración e de recuperación das rías. "Levamos 15 anos cun Goberno do PP que non soubo coidar o mar, nin a xente que vive do mar. Perdemos 700 barcos, 5.000 empregos no sector pesqueiro e marisqueiro e vemos como nos últimos anos levamos unha crise de produtividade que está a deixar atrás a moitas persoas e lastrando o futuro deste país", lamentou.

Por todo iso, asegurou que na manifestación deste domingo sente unha Galiza con "ganas de cambio" e quen pode liderar ese cambio, afirmou, "é o BNG". "Na Galiza, despois do Prestige, creceu moito a conciencia ambiental e hoxe volvemos ver como nesta crise necesitamos protexer o noso medio ambiente porque é unha obrigación que temos coas xeracións que veñen detrás", expuxo.