Sesión de control ao presidente

Pontón propón un "acordo de país" para reverter a dominio público as concesións hidroeléctricas que caduquen

O BNG volveu defender  que os cidadáns galegos se beneficien de ser unha potencia en produción de enerxía e o presidente da Xunta acusa os nacionalistas de querer que “haxa unha tarifa para As Pontes e outra para Ferrol”.

A condición de Galiza como produtora de enerxía e que iso poida repercutir en beneficios para o país e a sociedade galega volveu estar presente nunha sesión de control ao presidente da Xunta. A portavoz do BNG, Ana Pontón, lembrou que en Galiza soportamos os custos ambientais e sociais de producir enerxía e non tiramos beneficios desa condición de produtores. Criticou que en plena crise haxa en Galiza 190.000 persoas en situación de “pobreza enerxética” mentres as grandes eléctricas tiveron beneficios superiores aos 50.000 millóns de euros.

Pontón propuxo ao presidente da Xunta adoptar medidas que redunden en beneficio da poboación. Así, propúxolle aprobar antes do verán unha lei en Galiza que prohiba cortes de luz e de gas aos fogares, así como atinxir un “acordo de país” polo que as concesións hidroeléctricas que hai no país e que van caducar “retornen ao dominio público” e non que continúen en mans das grandes empresas.

Feijóo, nas súas quendas de resposta, non se pronunciou sobre estas cuestións. Dirixíu a súa intervención a criticar que os nacionalistas defendan unha tarifa propia para Galiza, pois iso levaría a que cada territorio tivese unha tarifa distinta. “Cada comunidade tería unha. E despois que? Unha distinta nas Pontes que ten unha central que en Ferrol, que non a ten?”.

Financiamento

En Marea realizou unha pregunta directa a Feijóo: por que a Xunta optou nestes anos por se financiar recorrendo a bancos e mecanismos privados en vez de facelo a través de mecanismos públicos. “A opción escollida pola Xunta levou a un sobrecusto para as arcas galegas de varios millóns de euros, un diñeiro que nestes anos era máis necesario para investir en servizos e en necesidades da xente”, manifestou Luis Villares, portavoz parlamentar de En Marea

Villares puxo o exemplo de que Galiza acudiu ao financiamento privado con tipos de xuro do 6,1% cando nesa mesma altura o tipo de xuro no Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) andaba no 3,2%, polo que sería moito máis barata esta segunda vía.

Núñez Feijóo dixo que a Xunta non recorreu ao FLA “pois non estabamos intervidos”, condición que Villares negou que fose precisa para se financiar a través deste mecanismo público.

De por parte, Xaquín Leiceaga (PSdeG), falou na súa quenda da importancia do emprego público, criticando o papel do goberno galego a respecto da convocatoria de oposicións. Feijóo aproveitou a súa resposta para afirmar que, “se todo sae como está previsto”, as oposicións convocaranse en abril e os exames realizaranse en xuño.