Pontón propón empoderar Galiza coa plena soberanía fiscal
Pontón confronta directamente con Feijóo. Alí onde o presidente da Xunta se mostra como ariete do españolismo contra o cupo vasco aparece a portavoz nacional do BNG para defender o concerto económico para empoderar Galiza. A líder do Bloque compareceu esta terza feira no Forum Europa para oferecer unha alternativa desde o nacionalismo ao discurso anti-soberanista de Feijóo.
Dúas Galizas posíbeis, dous discursos contrapostos. Esa é a dialéctica que debuxou no seu discurso Ana Pontón perante un auditorio de por volta de 250 persoas entre as que se achaban o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; o portavoz do grupo parlamentar do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e o alcalde de Santiago e destacado dirixente de Anova Martiño Noriega.
"Temos dúas alternativas: a de Feijóo converte este país en mero espectador, perdendo o tren ao que outros territorios se van subir para avanzar e prosperar. A alternativa que defende o BNG pasa por converter Galiza en protagonista dun momento histórico decisivo, para evitar perder posicións no político, no económico e no social", dixo Pontón, que foi apresentada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
En relación ao financiamento, Pontón mostrou a súa convicción de que o Estado "oculta as balanzas fiscais" porque os seus resultados reais "non benefician o discurso centralista". "Se a teoría da dependencia fose certa, o Estado sería o principal interesado en as publicar", dixo.
A líder do BNG criticou con dureza a posición de Feijóo nesta materia. Ou máis ben a súa non posición. A súa pasividade. Nese sentido censurou que non teña entrado "nen un documento" no Parlamento galego en que se pormenorice cal vai ser a proposta que a Xunta defenda perante o proceso de reforma do sistema de financiamento autonómico, axendado para o primeiro trimestre de 2018.
Alternativa nacionalista
No seu discurso, Pontón puxo a énfase en marcar os perfís da alternativa nacionalista face o discurso dun Feijóo que, a ollos do BNG, sería cúmplice da ofensiva recentralizadora do Estado. Trataríase de -como defenden as Bases Democráticas- dar pasos para ir deixando atrás os marcos estatutario e constitucionais vixentes. "Non temos que ter medo a ser independentes e decidir nós sobre o o noso, porque o peor que nos pode pasar é esta relación asimétrica co Estado, unha relación que non é de igualdade, senón de subordinación e de dependencia, e ese problema de dependencia lastra o noso futuro", concluíu.