Pontón propón a reprobación do Goberno Rajoy por agachar “información relevante” sobre a traxedia de Angrois

Esta segunda feira trascendeu que o ADIF omitira -supostamente “por erro”- a entrega ao xuíz de información relevante sobre o sinistro de Angrois, saldado en xullo de 2013 con 81 mortos. O BNG pide agora a reprobación do Goberno Rajoy por agachar esta documentación. 

En maio pasado, a Audiencia Provincial da Coruña resolveu que o caso Angrois non estaba a ser suficientemente ben investigado e que, contra o criterio do xuíz e do fiscal, non se podía saldar apenas coa acusación ao maquinista, o único imputado até o de agora polo sinistro.

A Audiencia entendía que existían serias dúbidas sobre se o ente administrador da infraestrutura avaliara suficientemente os riscos da liña Santiago-Ourense. Do mesmo criterio son dous peritos que esta cuarta feira ían realizar unha declaración perante o xuíz.

É xusto nas vésperas desta cuarta feira cando o ADIF resolve entregar unha información que a propia Advogacía do Estado reputa como relevante. Nesa documentación tenciónase demostrar que a administración ferroviaria titular da infraestrutura na que se produciu o sinistro si realizara unha análise de riscos sobre a liña de alta velocidade Santiago-Ourense. 

O ADIF tenta demostrar agora, tres anos despois, que si avaliou os riscos da liña, mais na súa documentación omitese toda referencia á curva de A Grandeira

A documentación son 300 folios e nela non hai nengunha referencia ao perigo concreto existente na curva de A Grandeira, na que se produciu o sinistro. O volume da información é tan grande que o xuíz adiou a declaración dos peritos para lle dar tempo a estudala.

A Audiencia Provincial entendeu en maio pasado que compría investigar a decisión de non instalación do sistema de seguranza ERTMS -que tería freado automaticamente o comboio ao se producir o despiste do maquinista- no ponto da liña -un trazado antigo- en que se rexistou o accidente.

A Advogacía do Estado alega que a omisión da entrega desta documentación relevante foi un “erro”.

O asunto obviamente salta á area política e o Bloque Nacionalista Galego -por boca da súa portavoz nacional, Ana Pontón- anunciou esta terza feira que a formación soberanista levará ao Parlamento galego unha proposta de reprobación “de todo o goberno do Estado por ocultar información relevante que podería deitar luz sobre as consecuencias do accidente de Angrois”.

Pontón enfatizou que o Parlamento galego se debe pór "ao lado das vítimas" e reiterou que agora máis que nunca ten sentido a posta en marcha dunha "comisión independente de investigación". O BNG, salientou aínda, demanda que "se adopten as medidas necesarias para que os trens que circulan por Galiza garantan a seguridade para as persoas porque dous accidentes graves en tres anos [reférese tamén ao recente sinistro producido no Porriño] é un síntoma de alarma como para que se nos diga que aquí non pasa nada e se intente responsabilizar unicamente os maquinistas deses trens".