En febreiro de 2017

Pontón sitúa a “redefinición do nacionalismo á altura do século XXI” como a tarefa da asemblea do BNG

Redefinir o nacionalismo “á altura do século XXI” con vistas a modernizar Galiza. Esa é a tarefa que marca a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para a asemblea nacional prevista para o próximo mes de febreiro, o conclave que porá o ramo ao proceso Adiante.

Ana Pontón, na sede do Bloque Nacionalista Galego. Foto: Irene Pin
photo_camera Ana Pontón, na sede do Bloque Nacionalista Galego. Foto: Irene Pin

Após os resultados do 25S -un impulso para o nacionalismo ao superar todas as expectativas-, o BNG ten por diante un trimestre para concluír os traballos do proceso Adiante, a refundación posta en marcha na asemblea de febreiro que elixiu Ana Pontón como novo líder.

A portavoz nacional aproveitou unha entrevista este domingo na SER-Galiza para ir avanzando os contidos xerais do que, ao seu xuízo, debe ser a Asemblea Nacional de conclusión do proceso Adiante.

“Estamos acertando en moitas cousas”, afirmou Pontón a respeito do proceso de renovación proposto polo BNG na asemblea de febreiro deste 2016, embora, confesou en ton autocrítico, “temos moito terreno aínda que gañar e moita confianza que recuperar de moitas persoas deste país”.

A próxima Asemblea Nacional é precisamente unha oportunidade para o BNG confirmar a remontada, a tendencia á alza que deixou ver o veredito das urnas o pasado 25 de setembro. “Nós xa estamos nun tempo novo. Na Asemblea Nacional que tivemos este ano abrimos un proceso de renovación moi importante. De renovación, pero tamén contando coa experiencia”, dixo. Aprender “dos erros do pasado” e “redefinir o nacionalismo á altura do século XXI” son tarefas para o novo conclave do Bloque. Para a líder nacionalista, hai que avanzar na liña de conseguir que o pobo galego identifique o “nacionalismo” coa conquista do benestar e a “mellora das condicións de vida”.

Pór o nacionalismo nas mellores condicións para ser unha ferramenta útil para a “modernización do país” e para a conquista de “direitos sociais avanzados” é unha das tarefas centrais que ten por diante o corpo militante do Bloque neste novo período asemblear, enfatizou Pontón. 

Sobre a pretensión de En Marea de ocupar os escanos do BNG: "Confúndese de adversario e de prioridades"

Na asemblea de febreiro, concluíu, “consolidaremos unha nova etapa para o nacionalismo”.

A entrevista realizouse nas vésperas da investidura de Feijóo, prevista para os días 8 e 10 de novembro. Nada agarda Pontón do discurso do candidato do PP. Nada máis que novas doses de propaganda e de desconexión cos problemas do país. “A maioría absoluta é unha cortina que lle impide ver a realidade”, dixo.

Que tipo de oposición formulará o BNG nesta lexislatura? “Faremos un control exhaustivo do goberno e presentaremos propostas e alternativas para modernizar Galiza”, un país que, argumentou, está a ser máis vítima da crise do que España.

Pontón foi inquirida aínda pola pretensión de En Marea de sentar nos escanos que o BNG ocupou na pasada lexislatura. “Ignoro como está esa cuestión”, dixo a portavoz da formación soberanista, mais, acrecentou, “En Marea confúndese de adversario e de prioridades”. O BNG non estaría preocupado por escanos ou salarios, senón por formular alternativas aos problemas sociais. “Agardo que a oposición non faga de oposición da oposición. O BNG desde logo o que fará será oposición a Feijóo”, concluíu.

Comentarios