A pasteira coloca a líder nacionalista no albo da súas críticas

Pontón ve "enternecedores" os ataques que lle lanza ENCE

Ana Pontón, nas xornadas de política forestal organizadas polo Bloque

Á líder do BNG prodúcelle tenrura que ENCE teime en defender o argumento de a eucaliptización do país non ter nada a ver cos incendios forestais.

ENCE está preocupada por que considera que se abre paso na sociedade a impresión de que a expansión do eucalipto é o caldo de cultivo óptimo para os incendios forestais alastraren polo país adiante. Daí que a pasteira lanzase un ataque á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en quen ven a ponta de lanza das críticas que desde a oposición política se deitan contra a eucaliptización do país.

 

Nun ataque pouco frecuente a un dirixente político, ENCE puxo no albo das súas críticas a Pontón en termos realmente duros ao cualificar as súas declaracións sobre o eucalipto de "indocumentadas, inxustificadas e malintencionadas".

 

A resposta de Pontón non se fixo agardar. Esta terza feira, a líder do Bloque cualificou de "enternecedor" que a pasteira "tente convencernos" de que o eucalipto non ten a ver coa xénese dos incendios e, nese sentido, ironizou con que "teríamos que comenzar a valorar se na Galiza nos compensaría arrincar as escasas hectáreas de bosque autóctono galego e plantar de maneira masiva eucaliptos nitens".

 

Man tendida a Feijóo

 

Pontón reiterou esta terza feira a súa disposición a acadar con Feijóo un acordo de país para blindar a riqueza forestal galega face a ameaza dos incendios. Segundo puido saber Sermos, desde a presidencia do Goberno non se deu resposta aínda á oferta dun encontro bilateral lanzada o pasada sábado pola portavoz nacional da formación frontista.

 

A líder do BNG combina a oferta de diálogo con críticas medidas ao goberno, nesta ocasión visando a conselleira da Medio Rural, Ángeles Vázquez, de quen dixo que debería conter "o furor sancionador contra particulares e concellos", as institucións en que a Xunta está a descarregar as súas responsabilidades, segundo a organización soberanista.

 

Ameázase con sancionar os particulares, mais óllase para outro lado cando a concesionaria da AP9 non cumpre coas súas obrigas. Se esta empresa non respeita as franxas de forestal -a distancia que debe separar as superficies forestais e a autoestrada- debería ser obxecto dun expediente sancionador por parte da Xunta, entende Pontón.