Pontón entende "vital" manter o proxecto nacionalista "tamén na súa expresión electoral”

Ana Pontón

A candidata á portavocía nacional do BNG aposta nun “debate real e profundo” para que desta XV AN saia un Bloque “vivo” e preparado para afrontar a refundación.

Ana Pontón, cabeza da candidatura proposta polo Consello Nacional para am portavocía do BNG, fixo un chamamento á militancia para que participe na Asemblea Nacional que este domingo vai decorrer na Coruña, unha cita da que agarda, afirma, “un debate sereno, tranquilo e sosegado” do que saia unha organización “viva” para afrontar os retos.

Como militante nacionalista, considera que é “vital” que se manteña o proxecto nacionalista “tamén na súa expresión electoral”, o que non é incompatíbel con ter unha estratexia post-electoral “co fin de mudar o goberno de Galiza”. Mais, entende An Pontón, o BNG “non pode participar en proxectos capitalizados por iniciativas estatais”.

No discurso en que defenderá a candidatura que encabeza, Ana Pontón anunicia que apostará en manter a “autorganización con espazos de decisión non subordinados ás directrices de Madrid, optando pola autodeterminación nos ámbitos que dependen de nós. Trátase, en definitiva, de que tomemos as rendas do noso futuro, ver o mundo desde a nosa realidade lonxe da subordinación que estamos a ver noutras alternativas políticas”.

Refundación

Confía tamén que na asemblea “o debate sexa tan real e profundo como necesitan estes tempos en que temos que ter presentes as perspectivas do futuro, cunha posíbel repetición das eleccións xerais e a incógnita de cando serán as do Parlamento Galego. O proceso de refundación do BNG ten, por obriga, que ter en conta este contexto”, defende Pontón dunha decisión que recae na militancia “de forma libre e democrática”.