A posibilidade dun adianto das eleccións galegas perde forza

Paula Prado e Alfonso Rueda na Xunta Directiva do PP (Foto: Nós Diario)
Avanza a hipótese duns comicios á par dos europeos.

O presidente da Xunta da Galiza e do PP galego, Alfonso Rueda, reivindicou onte na Xunta Directiva do Partido Popular a "estabilidade" que representa o Goberno galego e arrefriou a vía dun adianto das eleccións na Galiza, previstas para 2024.

Os resultados do PP do pasado domingo teñen, pois, derivadas na Galiza. Perde forza a posibilidade dun adianto dos comicios galegos a este outono, só posíbel no escenario de repetición electoral e facéndoo coincidir co mesmo. A este respecto, volve gañar posicións a hipótese dunhas eleccións galegas coincidindo coas europeas, fixadas para 9 de xuño.

"Tentaremos dar estabilidade, certeza e, sempre que podamos, solucións", esgrimiu o mandatario, para concluír que —á espera do que suceda no Estado español— "acábase agora un ciclo electoral moi esixente e toca un pouco de descanso no que se refire a campañas electorais", trasladou aos seus.

Dous días despois das eleccións municipais do 28-M, e após anunciar Pedro Sánchez que adiantaba os comicios estatais, Rueda reunía a Xunta Directiva do PP e convocaba os medios de comunicación de maneira non prevista. Tras horas de espera e entre unha alta expectación, anunciaba que non faría coincidir os comicios estatais e os galegos, logo de analizar as distintas posibilidades cuns resultados que, trasladados a unhas eleccións galegas, darían a maioría a unha alternativa entre a esquerda e o nacionalismo. Por outra parte, nas últimas semanas e tras coñecerse as enquisas que daban maioría ao PP e a Vox no Estado español, gañara forza a posibilidade de que o presidente galego adiantase a cita electoral ao outono.

"Deixe os contos" 

O secretario provincial do PSdeG de Lugo e presidente da Deputación lucense, José Tomé, instou onte o PP a deixar de "contar contos" e a "convocar eleccións" para que "fale o pobo galego". Considerou que "está en risco claramente para o PP o Goberno da Xunta".