O PP faise coa Alcaldía de Mondariz tras a dimisión do anterior Goberno local

Pablo Barcia foi elixido esta quinta feira novo alcalde de Mondariz (O Condado). Os populares foron a segunda forza máis votada nas últimas eleccións municpais de 2023.

Pablo Barcia, no centro, co bastón de mando do Concello de Mondariz (O Condado). (Foto: PP de Pontevedra)
photo_camera Pablo Barcia, no centro, co bastón de mando do Concello de Mondariz (O Condado). (Foto: PP de Pontevedra)

A corporación local participou esta mañá no pleno de elección de Pablo Barcia como novo rexedor, no que nin Alternativa por Mondariz (AxM), anterior partido de goberno con cinco concelleiros, nin o BNG, con dous concelleiros, presentaron candidato.

Si o fixeron o PP e os socialistas, con Violeta Lois como única edil. Con todo, esta última só conseguiu os votos a favor dos nacionalistas e dela mesma, non alcanzando a maioría absoluta necesaria. Así, o PP fíxose coa Alcaldía ao tratarse da segunda forza máis votada.

En declaracións a Europa Press, o novo rexedor, celebrou este cambio de goberno, explicando que ao non haber pactos entre o resto de partidos foi o PP o que conseguiu chegar á Alcaldía.

Malia recoñecer estar en minoría, con só tres concelleiros dos 11 totais, Barcia afronta esta nova etapa como un "gran reto", que espera conseguir "sen complicacións" a través de "moito traballo".

Preguntado sobre se chegou a algún pacto co resto de partidos para facer máis fácil a gobernabilidade do Concello, dixo que "polo ben do pobo" é necesario alcanzar acordos. Ademais, subliñou que existe certa "sintonía" tanto co PSOE como co BNG, xa que todos formaban parte da oposición até a semana pasada.

Desencontro até a dimisión

Nas últimas semanas, o equipo de Xoán Carlos Montes ('Calis'), cun goberno en minoría, levaba días advertindo de que o "bloqueo absoluto" de PP (3 concelleiros), BNG (2 concelleiros) e PSdeG (unha representante) poñía en risco a estabilidade do municipio, e ante a falta de acordo para aprobar os orzamentos municipais, o rexedor apelou ao "sentido da responsabilidade" do resto de grupos.

Alternativa por Mondariz pediu a nacionalistas, populares e á concelleira socialista abrir unha vía de negociación para aprobar as contas e dar luz verde a un plan de pago da débeda a 14 anos. Non poder contar con orzamentos, advertía, provocaría a intervención do Concello por parte do Estado e a obriga de devolver a débeda en cinco anos, "o que suporá a asfixia total" de Mondariz.

O goberno local ofreceu á oposición renunciar á segunda dedicación proposta nos orzamentos e repartir a do alcalde entre catro, con tres tenencias de alcaldía nunha carta enviada aos grupos. Ante a falta de contestación, o Goberno de Mondariz decidiu renunciar, aínda que mantendo as actas de concelleiros. Esta quinta feira, Mondariz escolleu situar o PP á fronte do novo goberno local en minoría.

Comentarios