O PP aproba en solitario o camiño para modificar as regras do xogo da democracia en Galiza

Parlamento

O Parlamento galego terá o mínimo de deputad@s fixado por lei, coas consecuencias na proporcionalidade e na representación que iso implica. A Cámara aprobou cos votos en solitario do PP inicar o trámite da proposta dos consrvadores. A 'contraproposta' do BNG só tivo o apoio dos nacionalistas. A oposición coincidiu, iso si, en cualificar a reforma do PP como un ataque contra a democracia representativa e o autogoberno. 

O Parlamento galego retomou esta terza feira a actividade plenaria tras mes e medio de parón. E fíxoo para debater dúas proposición sobre modificación da lei electoral, unha do PP e outra do BNG. E aí, en que eran proposicións non de lei de modificación da lei electoral, acababan todas as semellanzas. A 'popular' tiña como cerne recortar o número de deputados do Parlamento, de 75 a 61 co argumento da 'austeridade'. A nacionalista apuntaba a “mellorar a representatividade” da Cámara galega.

A primeira intervención correspondeu ao portavoz do BNG, Francisco Jorquera, que quixo desmontar os argumentos dados polo PP sobre a necesidade de recortar deputados. Se os populares xustifican a tesoirada en aforro de cartos, Jorquera lembraba que se aforraría moito máis recortando en “propaganda” (25 millóns de euros gastados pola Xunta en 2013) ou suprimindo as Deputacións (460 millóns).

Jorquera: ““Queren un parlamento anano porque queren un autogoberno anano”

“O PP tivo o 45% dos votos emitidos e o 25% do censo. Pero queren usar a maioría como nun rolo para facer este 'pucheirazo electoral”, indicou o voceiro parlamentar do BNG. “Queren un parlamento anano porque queren un autogoberno anano”,engadíu.

Para o BNG, coa proposta “o PP quere reter unha maioría absoluta que saben que teñen perdida na sociedade”. Fronte iso, Jorquera defendeu a proposición do BNG que “defende algo tan simple como que o parlamento sexa o reflexo da vontade expresada pola sociedade nas urnas”

Puy e a economía familiar

O voceiro popular, Pedro Puy, foi o seguinte en subir o estrado. Citou e recitou estudos e autores de ciencia política e dereito para defender a proposta do PP e negou que se fose a recortar en democracia. “A nosa proposta non mingua a democracia, promove a estabilidade e a representatividade”, afirmou, á vez que defendía que era unha reforma que garantía estabilidade e posibilidade de maiorías, alicerces do sistema, confesou.

Pedro Puy: “Máis deputados non equivalen a máis democracia. No Soviet supremo había 1.000 e non había democracia”

Puy, que chegou a cualificar a oposición de 'sopa de letras' e dixo que coa nova lei a oposición podería seguir a escindirse, defendeu que a medida non visa recortar, senón que aposta pola austeridade “o mesmo que familias e empresas”.

Beiras anuncia a retirada de AGE do debate

Xosé Manuel Beiras fixo unha intervención na que denunciou a proposta popular como un intento de cambiar as regras de xogo, un “atraco ao electorado” e “un asalto á institución parlamentar”. Criticou que o PP argumente que presenta esa medida por coherencia co seu programa electoral, “vostedes que incumpren todo o que prometeron!”, e insistiu en que a reforma “é retrógrada e empeora a democracia representativa”.

XM Beiras: “Non podemos contribuír a cavar a foxa desta cámara, non imos seguir neste debate”

O voceiro de AGE anunciou que a súa formación non ía seguir “nesta farsa de debate” e aseverou: “Non podemos contribuír a cavar a foxa desta cámara, fusílenos se queren”.

Méndez Romeu e a falta de consenso

Méndez Romeu acusou a Núñez de Feijóo de estar máis interesado en “reducir deputados que en reducir parados”, unha prioridade, engadiu, que deixa ben ás claras os intereses do presidente da Xunta e do Partido Popular. Lembrou que “nunca” se reformara a lei electoral española “sen consenso” e lamentou que no caso de Galiza non vai ser así.

Mendez Romeu:“Feijóo está máios interesado en reducir deputados que en reducir parados”

O portavoz do PSdeG, que anunciou a abstención do seu partido na proposición do BNG, acusou á “dereita” de non permitir a extensión de avances e igualdades a toda a sociedade, unha postura que tamén traen agora ao terreo electoral.