O PP carga contra a fiscal de Medio Ambiente por reclamar "moderación" á Xunta na súa política eólica

Carmen Eiro, fiscal de Medio Ambiente.
BNG e PSdG concordaron coas manifestacións da fiscal.

O PP cargou esta segunda feira contra a fiscal delegada de Medio Ambiente na Galiza, Carmen Eiró, apenas unhas horas despois de que esta pedise "moderación" á Xunta da Galiza na súa política eólica. A fiscal pedira este domingo, nunha entrevista na Cadea Ser, moderación á Xunta á hora de autorizar novos parques eólicos. 

Eiró chegou a comparar o 'boom' eólico ao 'boom' urbanístico que levou, apuntou,  á crise de 2008. Na Galiza hai na actualidade 182 parques con 3.866 megawatts, o que supón máis de 14% da produción estatal. A fiscal advertía tamén de que estarían "vixiantes" ante o cambio que introduce a Xunta na Lei de Acompañamento ao Orzamento de 2024 para facilitar a instalación de novos parques. Mediante ese cambio, a Administración galega crea a figura de "interese público superior" para blindar os proxectos eólicos ante os reveses xudiciais.

Non transcorreran nin 24 horas destas declaracións cando o PP saíu á palestra para cargar contra a fiscal. O portavoz parlamentario do PP da Galiza Alberto Pazos Couñago, defendeu a política "bastante prudente" da Xunta en canto á implantación da enerxía eólica na Galiza. Pazos Couñago recomendou á fiscal "moderación" e pediulle que non opine "sobre política" da Xunta nesta materia, porque é "un ámbito de decisión do Goberno galego".

"Non opine sobre política"

"Terá que opinar sobre a legalidade ou non de determinadas actuacións concretas, mais non sobre política", sinalou o portavoz popular. "Non creo que sexa este Goberno, precisamente, o sospeitoso de impulsar un 'boom' eólico na Galiza", engadiu, acusando o Executivo de nacionalistas e socialistas que gobernou a Galiza de 2o05-2009 de ter unha política eólica peor.

Con todo, a oposición ve acertadas as declaracións da fiscal. O deputado do BNG Paulo Ríos, preguntado ao respecto, insistiu na comparación feita por Eiró sobre a burbulla inmobiliaria: "É algo que (os nacionalistas) dixemos nos últimos anos". Ríos remarcou que as enerxías renovábeis "teñen cabida" na Galiza, "dun modo ordenado e ao servizo das necesidades do pobo galego". Begona Rodríguez (PSdeG) mostrou o seu apoio "total" ´ás palabras de Carmen Eiró