O PP desbota utilizar o artigo 155 e aposta noutras fórmulas “máis oportunas”

Acto a favor do referendo

As opcións contempladas contra o referendo do 1-O pasaría, segundo Rafael Hernando, polos tribunais, que han de decidir se esa consulta implica un delito de sedición. 

 

O PP desbota “por razóns temporais e xurídicas” aplicar o artigo 155 para frear o referendo do 1 de outubro, artigo que permitiría suspender a autonomía de Catalunya. O goberno español apostará, segundo afirmou Rafael Hernando nunha entrevista en Europa Press, por fórmulas “máis oportunas e realistas”.

 

O portavoz do PP no Congreso explicou que as opcións contempladas pasarían polos tribunais, que deben decidir se o referendo implica delitos de sedición. O dirixente do Partido Popular quixo deixar claro que “o peso da lei caerá sobre aqueles que non acaten as normas” e mencionou os casos de Artur Mas e Francesc Homs, condenados polo referendo do 9N, como exemplificadores do que lles agarda a quen queira poñer urnas o 1 de outubro.

 

Preguntado sobre o emprego da forza para evitar o referendo, Rafael Hernando dixo que o Estado español “ten mecanismos” para conseguir que o 1-O non aconteza nada. “Non haberá referendo”, aseverou, ao tempo que se mostraba convencido de que os Mossos d'Esquadra actuarán como calquera outro corpo de seguridade do Estado español.

 

Para o dirixente popular, o “problema” de Catalunya é que a CUP, con 10 deputados, ten “axeonllado” o goberno da Generalitat. “Un grupo anarquista, de carácter totalitario, é quen manda en Catalunya”, afirmou.