#DEBATENACIONGZ14

O PP fai do "non" unha apisonadora parlamentar

Foron 200 as propostas de resolución a debate. Da oposición @s populares só aceptaron seis na súa literalidade. Alcanzáronse 11 acordos.

 

O PP empregou a súa maioría absoluta no Parlamento como un ariete co que derrubar, unha tras outra, as diferentes propostas de resolución presentadas polas forzas da oposición. Das 160 presentadas só aceptou seis na súa literalidade. Vetou así propostas a prol de actuacións en sanidade, educación, infraestruturas, auto-goberno... Das seis aceptadas sen cambios pol@s populares, catro eran do Grupo Mixto (Carme Iglesias) e dúas de AGE. O PP non obtivo unanimidade en ningunha das súas iniciativas.

Houbo unanimidade na aprobación dunha condena dos crimes do franquismo, houbo acordo PP e PSOE para medidas “contra a corrupción” (PP vetou unha do BNG sobre este tema que tiña o apoio de toda a oposición), houbo o PP en solitario recriminando o proceso soberanista catalán, houbo apoio de AGE ao BNG na resolución a prol do dereito a decidir do pobo galego... Só se aprobaron aquelas resolucións que, por activa ou pasiva, o PP quixo que se aprobasen.

A maioría absoluta do PP só deu a luz verde a unha das 40 propostas do BNG, AGE obtivo o apoio conservador en 2 das súas iniciativas e Carme Iglesias en 4 

Das 40 propostas presentadas polo BNG, só foi aprobada unha,  a referida a reactivar a Comisión de investigación das Caixas de Aforro coa emisión e aprobación dun ditame antes do remate do actual período de sesións. Tras a votación, a vice-portavoz nacionalista, Ana Pontón lamentou a “falta de dialogo do Partido Popular” e a utilización da súa maioría absoluta na Cámara para tumbar todas as propostas nacionalistas “destinadas a defender os intereses de Galiza e a súa cidadanía”.

Tamén foi submetida a votación unha proposición do PP de condena "a todo tipo de actos de terrorismo" e de "rexeitamento a calquera tipo de acción ou declaración que xustifique, ampare ou minusvalore a violencia terrorista". O texto da proposta facía obviamente alusión a Resistencia Galega, nun contexto marcado pola recente estourido dun explosivo na sede do concello de Baralla. Votárona a favor BNG e PSdeG e en contra AGE.

Heteroxéneas

AGE e BNG tentaron que se aprobase unha resolución para crear unha comisión de investigación sobre o sinistro ferroviario de Angrois, mais PP vetouna (e PSOE abstívose).

O PP e o resto de forzas aprobaron 2 propostas de resolución de AGE, unha sobre desenvolvemento rural e outra demandando políticas que favorezan o incremento salarial dos traballadores. Carme Iglesias obtivo a unanimidade en tres das súas resolucións: desenvolver o termalismo, saneamento de ríos e rías e o xa mencionado da condena ao franquismo.

O Partido Popular non acadou a unanimidade en ningunha das súas propostas de resolución, se ben tivo apoios puntuais en 5 das 39 que presentou.