Antón Gómez-Reino: "O PP e Feixoo xogan dopados e co terreo de xogo alterado"
—Como ve a lexislatura que acaba de principiar na Galiza?
Con moita prevención e temeroso do que pode significar unha nova maioría de Alberto Núñez Feixoo nun momento como este, en que a economía, a sanidade e os servizos públicos no noso país están como están.
Galiza precisaba dun cambio político, mais tristemente o conxunto de forzas progresistas non o conseguimos e toca agora fiar ben para construír nos vindeiros catro anos a alternativa a Feixoo e estar en todas as demandas da sociedade galega.
Máis ala do resultado electoral, defendo a existencia dunha maioría social que non está de acordo coas políticas do PP, mais lamentabelmente non conseguimos mobilizala electoralmente.
—Que fallou na oposición para non gañar a Feixoo?
O PP e Feixoo xogan dopados e co terreo de xogo alterado. Nos meses máis duros da pandemia fixeron un uso maniqueo dos medios de comunicación públicos e invisibilizaron a alternativa. Traballaron sistematicamente para tratar de alterar a visión que a sociedade galega puidera ter da Xunta.
—E en que fallou GeC?
Non fomos quen de mobilizar o electorado. Alén do votante de GeC que foi a outras opcións progresistas, é evidente que unha parte se abstivo. A incapacidade para xestionar as diverxencias internas dos últimos anos pasounos factura, invisibilizou o noso traballo e non fomos capaces de expor con claridade o noso proxecto para o país.
—Podemos anunciou un proceso de reforzo organizativo. En que se concreta? Seguirá a liderar o partido na Galiza?
Estamos nun proceso de reflexión que culminará nunha conferencia política a finais de mes. Estudaremos as eivas e a folla de ruta. No que ten a ver coa miña participación, considerei que non había maior irresponsabilidade que, ante un resultado moi negativo nas urnas, tirar a toalla. A miña responsabilidade é colaborar e reforzar Podemos na Galiza.
—Seguirá no Congreso?
Puxen a miña continuidade a disposición do partido e considerouse necesario que eu seguise a traballar no Congreso. É unha lexislatura transcendental. Se saen avante os orzamentos xerais, para os que se está a traballar tendo en contra os poderes económicos e mediáticos, teremos tres anos para consolidar un momento histórico de Goberno, plural e progresista, que atenda ás singularidades nacionais do Estado.
—Agora toca oposición desde fóra do Parlamento. Veo difícil?
Se ben é certo que non estamos aí, si estamos noutras institucións onde as problemáticas das e dos galegos tamén se dirimen e continuaremos sendo a súa caixa de resonancia. A nosa presenza no Goberno estatal e noutros ámbitos estase notando e imos traballar para que se note máis en favor das e dos traballadores dos pobos e, particularmente, da Galiza.
—Por onde pasa a solución a Alcoa?
Defendemos a necesidade dunha intervención pública decidida nos sectores económicos e industriais estratéxicos, e a planta de San Cibrao é estratéxica para a Mariña e o país. Nas negociacións o Ministerio de Industria chegou a pór enriba da mesa a participación por parte da SEPI da compra da fábrica.
O problema fundamental é que a multinacional Alcoa non quere deixar unha empresa competidora no país. Agora toca que a autoridade laboral competente impida que se efectúen os despedimentos, que non paren as cubas e empregar todas e cada unha das ferramentas da Xunta e o Estado para intervir e salvar eses postos de traballo.
Non me cabe dúbida de que ao longo das vindeiras semanas, se non muda a situación, o Goberno estatal porá todas as ferramentas para garantir a continuidade dos empregos.