Debate de estado da Nación

O PP impón o rolete e evita que saia adiante ningunha das iniciativas da oposición

Parlamento de Galicia

Impuxo a súa maioría para aprobar cuestións como impulsar unha reforma electoral para que nos concellos goberne a lista máis votada. Para apoiar o discurso de Filipe VI sobre Catalunya, o PP contou co apoio, matizado, do PSdeG.

 

O Partido Popular sabe empregar o rolete e faino sen que lle doa a man. Máis unha mostra desta maneira de entender a política ficou evidenciada esta sexta feria, na sesión plenaria do debate do estado da Nación para aprobar propostas de resolución. Só se aprobaron as 40 presentadas polo PP. 35 co único apoio dos populares e 5 en base a acordos logrados en base a textos do PP. Dúas propostas concitaron unanimidade: seguridade viaria e petición á Xunta de que deixe de patrocinar eventos deportivos que premien diferente homes e mulleres.

 

Non todo se aprobou co único apoio do PP. Contou co respaldo do PSdeG para se adherir ao discurso de Filipe VI sobre Catalunya e aplaudir as forzas de seguridade do Estado. En Marea e BNG non entraron nese xogo. Os socialistas matizaron, e embora apoiar pediron unha porta aberta ao diálogo.

 

As diferentes propostas para avanzar no autogoberno tiveron enfronte o muro do PP, que evitou que saísen adiante e aproveitou para discursear a favor da unidade española.  

 

Ademais, o PP sacou adiante en solitario unha proposta para se dirixir ao goberno central para que impulse a reforma da lei electoral para que goberne a lista máis votada nos concellos. Só coa súa maioría absoluta sacou adiante a defensa da reforma da Lei de Saúde, algo rexeitado polo resto de grupos.

 

Os populares tamén botaron man da súa maioría para impedir  o impulso dunha comisión de investigación en Galiza do sinistro de Angrois.

 

A oposición puxo de manifesto os seus acordos en tres transaccións entre PSdeG e En Marea e en propostas apoiadas polas tres forzas mais rexeitadas polo PP. 24 propostas do BNG foron apoiadas por En Marea e socialistas, mentres que 32 do PSdeG foron respaldadas polo resto da oposición e 29 de En Marea