O PP muda de estratexia e pregunta ao ministro polas subas na AP-9

Imaxe da AP-9. Foto: cedida.

A virada estratéxica é, non por obvia, menos rechamante. Os deputados galegos do PP no Congreso comezan a reaccionar á situación da AP-9. Contra o silencio mesto que mantiveron durante os mandatos de Mariano Raxoi, agora piden explicacións ao ministro de Fomento do PSOE pola suba das peaxes.
 

Aquel silencio levounos a asumir os dous vetos da Mesa do Congreso ao debate sobre a petición unánime do Parlamento galego para transferir a Galiza o control da infraestrutura. Mais a caída estrondosa do Goberno Raxoi produciu un cambio de tornas. Os parlamentarios populares elixidos polas circunscripcións galegas queren “explicacións sobre a nova suba de peaxes”. As que nunca pediron mentres Fomento estivo en mans do PP e a concesionaria da autoestrada elevaba unilateralmente os prezos.

 

Para o deputado Celso Delgado, “os socialistas deben asumir a súa total responsabilidade na nova suba das peaxes”. Segundo el, débese “ao Real Decreto aprobado polo Executivo de Zapatero 48 horas antes da celebración das eleccións xerais e sendo José Blanco ministro de Fomento”. Sobre por que en sete anos o seu partido non fixo nada por revertelo non se pronuncia. Tampouco sobre o feito de que fosen os gobernos de Aznar quen estenderon a concesión da autoestrada ate 2048.

 

Os deputados e deputadas galegas do PP tamén preguntan pola “liberación da peaxe Vigo-Redondela” na mesma autoestrada, ao seu ver “un compromiso asumido e avanzado polo anterior goberno do PP”.