O PP pon exemplo da xestión do ‘Prestige’ feita polo Estado para negar a transferencia de salvamento marítimo a Galiza
A iniciativa do BNG pedindo a transferencia ao noso país desas competencias contou co apoio de AGE e Grupo Mixto, a abstención do PSOE e voto en contra do Partido Popular.
O BNG defendeu esta terza feira unha proposición de lei para reclamar o traspaso de competencias a Galiza en materia de Salvamento Marítimo e loita contra a Contaminación Mariña, unha vella reivindicación do nacionalismo galego. O deputado do BNG Daniel Rodas argumentou que os recentes sinistros no mar poñen de manifesto que hai vixente no Estado español para o salvamento marítimo un modelo que é "inadecuado" para as peculiaridades do litoral galego. A seu xuízo, é urxente organizar en Galiza “un dispositivo propio”, máis eficaz e profesional “baixo control público galego”.
O parlamentario denunciou os que cualificou de retrocesos nos sistemas operativos de seguridade e salvamento marítimo a través da “privatización” dos sistemas de radiocomunicación, os helicópteros de Salvamento “Pesca I” e “Pesca II” que deixan os labores de rescate en “mans de empresas privadas” e establece tarifas polas operacións de salvamento.
O PP impide que prospere a iniciativa do BNG
Pola súa parte, a portavoz do Partido Popular na comisión Paula Prado anunciou o voto en contra á Proposición nacionalista por entender que resulta máis efectivo que as competencias en materia de salvamentos marítimo e loita contra a contaminacións sexan responsabilidade do Goberno central, “ como se demostrou no accidente do Prestige”.
O deputado nacionalista replicou que precisamente a “nefasta xestión da catástrofe do Prestige” e os sucesos deste ano, fan urxente a transferencia a Galiza.