Investidura de Rajoy

O PP pide agora o apoio do PNV consciente de que só poderá telo despois das eleccións vascas

Íñigo Urkullu, lehendakari vasco

O taboleiro político estatal continúa bloqueado e sen visos de nada mudar até despois do 25 de setembro, o día en que se realizarán simultaneamente as eleccións galegas e vascas.

A novidade nas últimas horas é a apelación directa do PP ao PNV para que sume os seus 5 votos no Congreso aos 169 que presumibelmente reunirá Rajoy na investidura axendada para o 30 de agosto (froito da suma dos 137 do PP e dos 32 de Cs).

O apelo foi feito polo candidato do PP vasco a lehendakari, Alfonso Alonso, un dirixente moi próximo a Rajoy. "Se quer demostrar que é un partido que aposta na estabilidade e na moderación", dixo en alusión ao PNV, "a proba é mudar o seu voto do non e saírse da frente do bloqueo".

É claramente un xesto retórico e político, pois non ten a menor hipótese de se verificar na prática, sendo que o PNV ten dito por activa e por pasiva que non se moverá do non. Os dirixentes do PP admiten en privado que un hipotético acordo co partido de Urkullu só sería viábel despois das eleccións vascas e sempre que a gobernabilidade en Euskadi pasase por un eventual pacto a tres entre PP, PNV e PSE. Un acordo antes do 25S penalizará moito as opcións eleitorais dun PNV que se ve ameazado por un Podemos emerxente que xa gañou as xerais nas circunscricións vascas no mes de xuño.

Cs ve incompatibilidades entre o seu eventual acordo co PP e o apoio do PNV

En todo caso, é un xesto político non exento de contraindicacións. Faltoulle tempo a Ciudadanos para advertir que ve dificilmente compatíbel un acordo co PP e co PNV á vez. O partido de Rivera pergúntase como o PNV vai apoiar unha investidura pactada por dous partidos que asinarán un pacto programático en que se incluirá un compromiso explícito contra as consultas soberanistas.

O factor das eleccións galegas e vascas pesa tamén, e moito, na táctica a curto prazo do PSOE. A abstención na investidura que preconiza o sector de Susana Díaz tornaríase nunha onerosa factura eleitoral para a formación socialdemócrata quer na Galiza quer en Euskadi, o que sen dúbida contribuiría para o desgaste de Pedro Sánchez en vésperas dun congreso federal en que o seu liderado será posto en cuestión. Daí que todos os desvelos da equipa de Sánchez se dirixan a fechar fileiras no grupo parlamentar e a garantir que os 85 escanos do PSOE sexan 85 noes a Rajoy.

E despois dunha eventual investidura falida? Tentaría o PSOE compor unha maioría alternativa á de Rajoy, o que inexorabelmente pasa por un acordo explícito con Podemos e no mínimo implícito coas formacións independentistas catalás, ou polo contrario convocaría un novo comité federal para revisar a posición oficial do partido e considerar unha abstención que evitase ir a terceiras eleccións? Esa é a grande incógnita que neste momento paira sobre Ferraz. Esta mesma cuarta feira, e nunha entrevista na SER, unha das líderes territoriais máis próximas a Sánchez, a vasca Idoia Mendía, no pasado claramente partidaria de o seu partido explorar unha alternativa caso fracasar Rajoy, estivo moito ambigua ao respeito, o que indicaría que neste momento a decisión non está nen sequer tomada.