O PP pide axilizar a conexión por alta velocidade entre Galiza e Portugal

Nidia Arévalo, senadora do PP e alcaldesa de Mos. (Foto:PP).

O Partido Popular rexistrou no Senado unha iniciativa para urxir ao Goberno do Estado a axilar a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Portugal.

A proposta presentada pola senadora popular e alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, demanda “unha programación completa de actuacións e investimentos na liña de alta velocidade Vigo-Porto na que se priorice a saída sur” de Vigo.

O PP esixe “un maior compromiso” por parte do Goberno do Estado no impulso da liña de alta velocidade Vigo-Porto-Lisboa para que a conexión de AVE entre Galiza e Portugal "sexa unha realidade canto antes".

Os populares consideran esta actuación como “prioritaria e estratéxica” e por iso urxen unha "programación completa de actuacións, investimentos e calendario”. Neste sentido, lembran os movementos ds Executivo lusos nesa dirección.

Arévalo demandou para este proxecto uns tempos de execución e investimentos “acorde tanto ao seu potencial de uso como á súa rendibilidade en termos de articulación territorial e desenvolvemento socio-económico".

Este proxecto ten razón de ser, pero só se se afronta cunha visión ampla e integradora, cun ánimo estruturado e coordinado e respectando as prioridades manifestadas", asegurou Arévalo.

Tren Celta

A senadora popular esixiu melloras no denominado Tren Celta que une Vigo con Porto até que non se rematen as obras de conexión por alta velocidade entre a Galiza e Portugal.

A dirixente do PP  manifestou que é necesaria a modernización do material móbil e as condicións de servizo do denominado Tren Celta "para facer posíbel esta viaxe nun tempo máximo dunha hora".