O PP promove unha reforma legal para blindar o control político da CRTVG

Alfonso Rueda onte no Consello da Xunta presentando o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital. (Foto: Xunta da Galiza/Monica Arcay).

O Consello da Xunta da Galiza aprobou onte o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que lle permitirá designar a dirección xeral da CRTVG sen negocialo cos grupos da oposición parlamentaria.

O Partido Popular non terá que negociar coa oposición a elección da máxima ou do máximo responsábel dos medios públicos galegos. Os populares aproveitaron o derradeiro Consello da Xunta do mes de xullo para aprobar o anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que vén modificar a Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza e que fixa unha maioría cualificada do Parlamento da Galiza de dous terzos en primeira votación e de tres quintos en segunda para escoller a dirección xeral da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG).

A nova proposta lexislativa validada polo Consello da Xunta estabelece que a Dirección Xeral dos medios públicos deberá ser elixida en primeira votación por dous terzos e en segunda por tres quintos do Parlamento da Galiza, isto é, por 45 dos 75 representantes da Cámara. Porén, nunha das disposicións transitorias do anteproxecto legal márcase que no caso de non alcanzar a proposta esa maioría reforzada abondará, pasados tres meses, coa maioría absoluta dos membros do Parlamento, fixada en 38 escanos, para designar a persoa responsábel da Corporación da Radio e Televisión da Galiza. Concretamente, o Partido Popular posúe 40 escanos na Cámara galega.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, xustificou onte as mudanzas nos criterios legais para nomear a Dirección Xeral da CRTVG en base a "evitar unha situación de interinidade sen solución de continuidade" que "equivale case a un bloqueo". Nesta dirección, manifestou que a intención do PP é "poder chegar a un acordo" cos grupos da oposición parlamentaria para elixir o máximo responsábel do ente público. "Se ao final, non é posíbel porque calquera proposta é rexeitada, loxicamente esa interinidade non se pode perpetuar no tempo e estaría esa última posibilidade de facelo cunha maioría tamén reforzada e tamén democrática", afirmou Rueda en relación á maioría absoluta dos integrantes do Parlamento.

A posibilidade de que os populares optasen por unha reforma legal para escoller o sucesor do actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, dábase por feita desde despois dos últimos comicios galegos, do 18 de febreiro de 2023. O propio Sánchez Izquierdo abriu esa opción en novembro de 2022 durante unha reunión da Comisión permanente non lexislativa de control da Corporación da Radio e Televisión da Galiza, no Parlamento, ao cualificar a Lei de medios da Galiza de 2011 como “obsoleta e superada”. O Goberno galego comezou no mes de maio un proceso de consulta para elaborar unha nova Lei de comunicación audiovisual, co pretexto formal de axeitar a lexislación galega á nova realidade comunicativa e á normativa comunitaria e estatal.

O anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital introduce, tamén, outras novidades dirixidas a reducir os mecanismos de control da pluralidade na CRTVG. Nesta perspectiva, elimina o Consello de Informativos e o Estatuto Profesional, dous órganos creados na lei de 2011 co obxectivo de garantir a neutralidade e a imparcialidade informativa, que o Goberno galego nunca chegou a pór en marcha nestes últimos 14 anos, malia as continúas reclamacións para a súa posta en funcionamento por parte de profesionais do ente e de colectivos como “Defende a Galega”.

A nova proposta lexislativa promovida polo PP busca resolver os problemas legais xerados pola xestión da dirección nestes últimos anos. A este respecto, recolle unha nova configuración normativa do persoal directivo, non asociado ao vínculo laboral coa compañía, co que pretende regularizar a situación do groso do persoal de alta dirección da CRTVG. Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, nunha sentenza de abril de 2022, e o Tribunal Supremo, nunha resolución de novembro de 2023, sinalaron que 30 dos 37 contratos de alta dirección da compañía foron formalizados en fraude de lei.

Reaccións contrarias

As forzas da oposición parlamentaria amosaron onte a súa preocupación con esta proposta do Goberno galego. Así, a vicevoceira do BNG na Cámara galega, Olalla Rodil, reclamou ao PP que "dea marcha atrás na reforma da lei e que non se atreva, nin sequera, a presentar tal despropósito". Aseverou que "despois de anos facendo da CRTVG o seu terminal de propaganda, o Goberno de Rueda prepara unha reforma lexislativa feita a medida dos intereses do PP co único obxectivo de facerse co control absoluto da radio e da televisión públicas de Galiza".

A deputada do PSdeG Silvia Longueira demandou a comparecencia de Alfonso Rueda nun pleno extraordinario no Parlamento galego para explicar as propostas recollidas no anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital. Nesta liña, denunciou que “a situación actual da CRTVG reflicte unha serie de problemas e deficiencias que agravan a necesidade de transparencia e de reformas” e  criticou que o “orzamento da CRTVG descendeu a niveis de 2009, afectando a súa capacidade para producir contido propio e a súa función como repositorio veraz da sociedade galega”, conforme a súa natureza.

A Xunta abre a porta legal para usar o castelán nos medios da CRTVG

O anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital abre a porta ao emprego doutras linguas diferentes ao galego nos medios da Corporación da Radio e Televisión da Galiza (CRTVG). Neste sentido, recolle no seu articulado que os contidos da radio e da televisión públicas da Galiza serán producidos en galego “sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público co fin de dar a coñecer a identidade cultural da Galiza fóra do territorio da comunidade autónoma”.

A vicevoceira nacionalista no Parlamento galego, Olalla Rodil, cualificou a proposta como un "ataque frontal e sen precedentes aos dereitos lingüísticos do país, que suporía abrir a porta da radio e a televisión públicas a outros idiomas distintos da lingua galega”. Neste sentido, definiuna como “ataque á liña de flotación dos medios públicos de Galiza, pois a promoción e a normalización da lingua galega é un dos principios fundacionais da CRTVG, que quedaría así desnaturalizado”. Ao tempo, chamou a sociedade a mobilizarse para defender os medios públicos galegos.

A parlamentaria socialista Silvia Longueira interpelou a Alfonso Rueda para saber se “pode asegurar a Xunta da Galiza que este documento será enviado a esta Cámara coa modificación explícita para a emisión de produción en castelán”. Nesta perspectiva, subliñou a necesidade dun debate transparente e construtivo sobre o futuro dos medios públicos na Galiza”.