O PP propón como senadores autonómicos Elena Muñoz e Jesús Vázquez

Senado

Luis Villares, David Rodríguez, Paula Vázquez Verao e Pancho Casal formalizaron na mañá desta sexta feira o seu paso ao Grupo Mixto.

O até hai uns días alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a ex presidenta do PP de Vigo, Elena Muñoz, son os dous nomes propostos polo Partido Popular para ser senadores por designación autonómica no pleno do Parlamento da Galiza da vindeira semana. O PP busca encaixe así a dous ex conselleiros con Núñez Feixoo e que deixaron o gabinete para se presentar en Ourense e Vigo nas municipais. Elena Muñoz fracasou nos dous asaltos á Alcaldía mentres que Vázquez perdeu o bastón de mando nestas eleccións en favor de Jácome e após un pacto PP- Democracia Ourensá polo que Baltar se mantén na Deputación.

 

Na mañá desta sexta feira, Luis Villares, David Rodríguez, Paula Vázquez Verao e Pancho Casal rexistraron o seu paso ao Grupo Mixto, tal e como anunciaran esta quinta. "Anunciamos que estes 4 deputadas e deputados abandonamos un grupo parlamentar que xa non representa a En Marea, senón a Podemos e a aqueles que deciden seguir os seus ditados", leu Villares nesa comparecencia. "E facemos isto para avanzar nun proxecto renovado que recupere a ilusión perdida durante estes anos polas leas internas e que sexa unha das voces plurais da esperanza", acrecentou. Unha das voces, non a voz, enfatizou