PP e PSOE pactan reducir as intervencións de BNG e AGE no Parlamento
Ambas as dúas formacións políticas estudan recorrer perante o Tribunal Constitucional por vulnerar os dereitos d@s representantes.
A decisión adoptada por PP e PSOE distribúe as quendas de intervención e o número de iniciativas para aumentar a participación do Grupo Mixto. Porén, o novo reparto só afecta a AGE e BNG que ven mermada a súa presenza parlamentar.
O voceiro do grupo parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, asegurou en comparecencia de imprensa que a organización frontista estudará recorrer perante o Tribunal Constitucional o novo reparto acordado por PSOE e PP pois, denunciou, "vulnera os dereitos dos deputados e deputadas".
E é que no novo período de sesións as dúas formacións (BNG e AGE) perderán a posibilidade de defender dúas Proposicións non de lei, unha moción, unha interpelación, unha pregunta ao Goberno e unha pregunta ao presidente Feijóo. Unha redución que desde o BNG din non entender cando o seu grupo parlamentar mantén o mesmo número de escanos que ao comezo da lexislatura.
Perderán a posibilidade de defender dúas Proposicións non de lei, unha moción, unha interpelación, unha pregunta ao Goberno e unha pregunta ao presidente Feijóo
Aliás, engadiu Jorquera en declaracións aos medios de comunicación, non concordan coa redución das intervencións "aos compañeiros de AGE" embora teren reducido o número de deputad@s pois a medida "amordaza o Parlamento".
Desde o PSdeG quixeron atribuír a redución dos tempos --que non lles afectará como tampouco ao Partido Popular-- a un mellor funcionamento da Cámara para non alongar a duración das sesións plenarias e mesmo acusou a AGE e BNG de pretender facer campaña electoral coas súas críticas.
Desde o Bloque retrucan que a súa formación "non ten ningún problema" en alongar os plenos "tres días e de maneira semanal" se con iso se garantir a participación de todos os grupos.
O PSdeG responsabiliza a AGE de ter "causado o problema" pola súa "crise interna"
Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) escenificou o seu anoxo coa saída do seu portavoz, Xosé Manuel Beiras, da Xunta de portavoces deixando tras de si un sonoro portazo. En comparecencia de imprensa a vice-voceira, Yolanda Díaz, acusou a PP e PSOE de asinaren un "pacto" e de "darse cariño" para acalar as voces discordantes na Cámara.
O "impulso democrático" de Feijóo
AGE, BNG e mesmo as deputadas do Grupo Mixto fixeron brincadeira nas súas intervencións a respeito da "primeira medida de impulso democrático" de Feijóo a respeito da comparecencia parlamentar do presidente na que anunciou unha batería de propostas contra a corrupción e a prol dunha maior participación cidadá na cámara lexislativa.
Desde o PSdeG acusan a AGE de ter "causado o problema" pola ruptura no seo do seu grupo parlamentar e amosouse, xunto coa vice-voceira do PP, Marta Rodríguez, favorábel a reformar o regulamento do Parlamento en relación ao Grupo Mixto.