PP e PSOE tomban no Senado a petición do BNG de transferir á Galiza máis de 20 competencias

(Foto: Senado)
O texto, finalmente rexeitado, tamén quería que o Goberno estatal e a Xunta negociarán para "facilitar a presenza das institucións galegas en entidades de carácter estatal como o Banco de España, Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA".

PP e PSOE rexeitaron esta curta feira na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado unha iniciativa do BNG na que se expuña o traspaso a Galiza de máis de 20 competencias, entre as que destacaban a transferencia de Tráfico, a de inmigración, a da Xestión do Ingreso Mínimo Vital e a de Institucións Penais, entre outras.

A iniciativa do BNG, que finalmente foi rexeitada coa maioría que conforman PP e PSOE, instaba o Goberno español a convocar a Comisión Mixta entre o Estado e a Xunta da Galiza para negociar o traspaso de varias competencias.

Entre as competencias que o BNG pedía traspasar a Galiza están as das autoestradas AP-9 e AP-53; a de Tráfico e seguridade viaria; medios de xestión do dominio público marítimo terrestre e ordenación do litoral; servizos e infraestruturas viarias e ferroviarias que discorren por territorio galego; Portos de interese xeral; obras hidráulicas de interese xeral ou a xestión da conca hidrográfica Miño-Sil.

Tamén pretendían as transferencias de Salvamento marítimo; os servizos sanitarios para os traballadores do mar; Inspección de traballo; Metereoloxía; Fomento do emprego; Formación ocupacional; Centros de investigación con sede na Galiza ou Paradores de Turismo.

A lista de traspasos tamén incluía as funcións e servizos de Institucións Penitenciarias; as instalacións e espazos pertencentes a Defensa que estean abandonadas ou en desuso; a expedición e homologación de títulos académicos, así como emigración e inmigración.

Da mesma maneira, o BNG reclamaba a aprobación e autorización por parte das institucións galegas das instalacións de redes básicas de gas e oleodutos que transcorran por Galiza e asunción das funcións administrativas de autorización, supervisión e control que desempeña o Estado de refinerías e almacéns de hidrocarburos radicados na Galiza.

O texto, finalmente rexeitado, tamén quería que o Goberno estatal e a Xunta negociarán para "facilitar a presenza das institucións galegas en entidades de carácter estatal como o Banco de España, Comisión Reguladora do Mercado de Valores, Portos do Estado, AENA, órganos de dirección e administración de empresas públicas con centros de traballo en Galiza etc., e nas comisións reguladoras de servizos liberalizados (telecomunicacións, enerxía)".