O PP veta que se tramite no Parlamento unha lei para crear unha empresa galega pública de enerxía renovábel
O nacionalismo defendeu a "democratización" da enerxía como un dos grandes retos a afrontar e, neste sentido, aludiu ao autoconsumo e as comunidades enerxéticas como outra das grandes áreas de traballo para a empresa pública que propón o BNG, aberta á participación das administracións locais e das comunidades de montes veciñais.
O Grupo Parlamentario Popular rexeitou cos seus votos a proposición de lei coa que o BNG pretendía crear unha empresa galega pública de enerxía renovábel para a xestión de todo o sistema eléctrico e contribuír a "democratizar" os recursos e os seus beneficios.
O encargado de defender a iniciativa foi o responsábel de Enerxía do BNG e deputado, Xosé Manuel Golpe, quen considerou necesario "evitar que outros muxan a vaca" que os galegos alimentan e "pór a Galiza á vangarda da transformación enerxética".
O parlamentario nacionalista iniciou a súa intervención no pleno da Cámara galega lembrando a escena que debuxou Castelao para denunciar que os galegos poñen o vento, sacrifican a súa terra e o seu modo de vida a cambio de nada, un modelo que, conforme indicou, "chega até hoxe, como sucede coas concesións hidráulicas ou coa enerxía eólica, vítima dunha parálise sectorial provocada polas ansias e as présas que a Xunta ten en pór o país ao dispor dos grandes grupos enerxéticos".
Neste contexto, sinalou que o proxecto de lei do BNG propón unha empresa pública de enerxía para participar activamente no desenvolvemento de proxectos renovábeis, dando prioridade á sustentabilidade ambiental, cultural e paisaxística. Ademais, explicou que participaría tamén en iniciativas de distribución para crear unha rede publica galega e comercializaría enerxía renovábel "incrementando a protección de colectivos vulnerábeis".
Outro dos seus labores, indicou, sería avanzar na innovación e no valor engadido impulsado proxectos de almacenamento enerxético e sistemas de recarga para os vehículos eléctricos. "A electricidade do parque móbil ou a penetración do hidróxeno como vector enerxético son realidades xa presentes nas que a Administración galega ten que exercer a súa potestade para ordenar e planificar", apuntou.
Na súa intervención, ademais, incidiu no rescate para o público de elementos estratéxicos no ámbito da enerxía e, neste punto, defendeu a recuperación das concesións hidráulicas que cheguen ao fina da explotación concesional.
A día de hoxe, conforme apuntou, existen aínda case 70 concesións deste tipo na Galiza que, "ou ben seguen en explotación e están a chegar ao final da mesma ou están nunha especie de limbo que non é positivo para ninguén".
O parlamentario defendeu a "democratización" da enerxía como un dos grandes retos a afrontar e, neste sentido, aludiu ao autoconsumo e as comunidades enerxéticas como outra das grandes áreas de traballo para a empresa pública que propón o BNG, aberta á participación das administracións locais e das comunidades de montes veciñais.
Apoio do PSdeG e DO
A toma en consideración da iniciativa contou co apoio do parlamentario de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que considerado que a enerxía é un ben público que debe estar en xeral xestionado polas administracións; así como do PSdeG, cuxa deputada defendeu apoiar o debate desta lei por considerar necesaria unha empresa 100% pública pero discrepou do contido da mesma.
Con todo, non saíu adiante ao contar co rexeitamento do Grupo Popular, cuxo portavoz de Industria, Rubén Lourenzo, afirmou que a proposta do Bloque é unha "chapuza porque no seu maior parte é unha norma en branco, baleira de contido e con simples remisións á normativa de aplicación".
"No BNG son especialistas en discursos simplistas, facendo ver á cidadanía que todo se arranxa con soberanismo independentista e o autogoberno, indo ao contraxeito no mundo que cada vez máis debe ser pensando dunha forma global", sostivo.