O PP veta, por terceira vez, que se investigue no Parlamento o sinistro de Angrois

Accidente tren Angrois

Os populares impiden mesmo que se debata en pleno a creación dunha comisión sobre a catástrofe ferroviaria. BNG e AGE solicitaban conxuntamente, e á luz dos novos dados e das novidades das investigacións xudiciais, que se constituíse o organismo. 

Botando man da súa maioría absoluta e por terceira vez, o PP impediu que no parlamento de Galiza se investigue a maior catástrofe da historia do noso país e que orixinou 79 mort@s. Nesta ocasión, os populares mesmo vetaron na Xunta de portavoces decorrida esta terza feira, que a proposta de crear unha comisión de investigación a tal efecto fose debatida no Pleno da Cámara galega.

Como nas dúas ocasións anteriores, desde o PP xustificouse a negativa en que é unha cuestión de competencia estatal e non autonómica. Tanto BNG como AGE xa lembraron aos populares que esas eran desculpas de mal pagador e que o propio regulamento da Cámara permitía a comisión.

BNG e AGE presentaran conxuntamente esta petición após saír á luz novos dados, tales como a advertencia do xefe de maquinistas de Ourense sobre o perigo da curva de Angrois e a insuficiencia de medidas de seguridade “que desmonta a tese de Adif e do Ministerio de Fomento sobre a ausencia de queixas formais sobre o trazado”.

Hipocresía

Ademais, o informe do ano 2002 que alertaba dos riscos da curva de Angrois e o auto do xuíz acusando ao Adif de “regatear na seguridade para primar intereses comerciais” eran novidades que xustifican a creación da comisión. Mais non para o PP, quen a vetou por terceira vez.

Jorquera lamentou a actitude dos populares, “por desgraza xa nos teñen afeitos a usar a súa maioría para evitar que no parlamento se debatan temas importantes”. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, cualificou de “moi grave” a posición do PP e avogou porque “se esclarezan os feitos”.

O PSdeG, pola súa banda, anunciou que revisará a súa posición “segundo os acontecementos”.