Eleccións Europeas 9-X

O PP concentra 41,5% do voto exterior da Galiza, con Vox como terceira forza

Unha persoa depositando o seu voto o pasado domingo. (Foto: Arxina)
Os resultados están pendentes das impugnacións dos representantes dos partidos, que se concentran, fundamentalmente, na circunscrición da provincia de Pontevedra.

O PP concentrou até 41,5% do voto do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) da Galiza nas eleccións europeas do pasado domingo, segundo o reconto realizado esta sexta feira na xunta electoral. Os populares recibiron 5.459 dos 11.191 sufraxios válidos emitidos, mentres que o Partido Socialista foi segunda forza co 20,92% dos votos (2.341), seguida de Vox, que quedou por diante do BNG con 1.501 papeletas (13,41%), polas 805 da formación nacionalista (7,19%).

Na circunscrición de Pontevedra, a lista do PP levou 38,9% dos sufraxios (1.347), por diante do 21,2% do PSOE (744), o 11,3% de Vox e o 8,6% de BNG. Na Coruña, o PP logrou o 40,1% dos apoios (1.592), mentres 22,1% foi parar ao PSOE (879), 12% a Vox (476) e 8,41% ao BNG.

En Lugo, o total de votos válidos —descontados os nulos— foi de 1.403. O máis apoiado é o PP, que logra 591, un 42,1% dos votos; o PSOE 314, o que representa un 22,3%; Vox, 207, un 14,75%, e o BNG 93, un 6,6%. Finalmente, 47,45% dos votos en Ourense foron para o PP (1.117), 17,16% para o PSOE (404), 14,3% para Vox e 94 (3,99%), para o BNG.

Os resultados están pendentes das impugnacións dos representantes dos partidos, que se concentran, fundamentalmente, na circunscrición da provincia de Pontevedra, segundo fontes citadas pola axencia Europa Press.

Escano do BNG

Os 805 votos logrados polo BNG súmanse aos 179.905 logrados nas urnas da Galiza o pasado domingo, polo que a achega da formación nacionalista galega á candidatura de coalición Agora Repúblicas queda en 180.710 apoios.

Do peso das nacionalistas galegas no respaldo electoral da coalición que comparte o Bloque con EH Bildu dependerá agora o tempo do que gozará Ana Miranda do seu escano na Eurocámara.

Con todo, fontes próximas á organización apuntan que o reconto do voto CERA non variará o esquema, que concede arredor de 60% do tempo a Miranda, que decorrido o ecuador da lexislatura deberá deixar o seu asento a Tomás Molina, cuarto da candidatura en representación de ERC.