23-X

O PPdeG propón unha España "como Galiza", con "estabilidade, xestión e sentidiño"

Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG. (Foto: Nós Diario).
Núñez Feixoo encabezará o acto central  do PPdeG na Galiza, o 9 de xullo na praza de touros de Pontevedra.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou que "é o momento" de que Alberto Núñez Feixoo sexa presidente e propuxo unha España "que sexa como Galiza": "Con estabilidade, xestión e moito 'sentidiño'".

Para a popular, o PP conta "cos mellores candidatos" ao Congreso e ao Senado. "Auténticos números un como Miguel Tellado, Francisco Conde, Ana Vázquez ou Ana Pastor, que, co resto de candidatos, van deixar a pel e darán todo de si mesmos desde Galiza para que chegue o cambio ao Goberno de España", asegurou a directora de campaña e número dous dos populares galegos.

Así, sobre a campaña, Prado confirmou que Alfonso Rueda estará nas sete cidades galegas e tamén noutras localidades, falando de "como o proxecto popular vai traer un cambio a toda España".

Neste sentido, destacou que participará no acto central de campaña o próximo 9 de xullo na praza de touros de Pontevedra, que estará encabezado polo presidente do PP estatal e candidato á Presidencia do Goberno, Alberto Núñez Feixoo, quen hoxe deu a coñecer un vídeo no que repasa a súa biografía desde os Peares.

O PSdeG, "desparecido"

Por outra parte, Paula Prado contrapuxo o proxecto e a campaña do PPdeG ao dun PSdeG "totalmente desaparecido, aínda sen coñecer o seu líder e rendendo honras a Sánchez até o último minuto".

De feito, a secretaria xeral dos populares galegos considera que "se de alguén foron culpa os agravios do Goberno estatal a Galiza foi dos socialistas galegos", xa que, na súa opinión, "en ningún momento lle reclamaron ao seu amado líder que deixase de desprezar Galiza".

O BNG, "enganado"

En canto ao BNG, aféalle que estea "a inventar debates sen candidatos para tapar e tentar xustificar o seu apoio ao Goberno centrl durante cinco longos anos a cambio de nada". E ironizou sobre os nacionalistas: "Nin sequera foron enganados por Sánchez, senón por Adriana Lastra".

Neste contexto, Paula Prado manifestou que "é o momento" de que Feixoo se converta en presidente de España e de que o PP "reciba un apoio masivo dos galegos, de cambiar o sectarismo de Sánchez por un proxecto que acolla o sentir da cidadanía, de deixar de aliarse co independentismo para aliarse con toda a cidadanía e de que Galiza volva contar para o Goberno" do Estado.