Carla Reyes, tertuliana e analista

"O PPdG deberá encetar o queixo da sucesión de Feijóo"

Carla Reyes

Na xeira de entrevistas VeñanMáis5, esta quinta feira tócalle a quenda a Carla Reyes, tertuliana, analista política e presidenta da Asociación Executivas de Galicia.

 

-Como avalías o estado actual da política galega?

Sen dúbida, se comparamos o escenario político que se vive en España co noso, Galicia parece estar baixo a influencia dun anticiclón que trae un clima apacible. O Executivo de Alberto Núñez Feijoo traballa con normalidade, ainda que pasou por momentos críticos coa xestión do retraso na chegada do AVE e un certo sabor amargo que deixaron os presupostos xerais.

O PPdG pasa por unha etapa de cohesión política en torno ao su líder indiscutible e consegue facer abstraerse da situación difícil que se vive en Madrid. 

Por seguir coa metáfora meteorolóxica, as únicas borrascas que aparecen de cando en vez no horizonte veñen máis ben da man da oposición. En primeiro lugar, do PSdG, que vive unha situación de impasse desde hai xa case 9 meses. Un partido fondamente dividido, cunha xestora cuestionada e sen liderado claro. É certo que o grupo parlamentar conseguiu manterse relativamente unido grazas, probablemente, á estoica actuación do seu voceiro, Xaquín Fernández Laiceaga, que non quixo entrar na polémica interna do su partido. 

Manterse á marxe desta liorta pode ser unha vantaxe para o grupo, pero desde o punto de vista do liderado político -ao meu xuízo- frea as posibilidades de Leiceaga cara ó futuro. De todos os xeitos, o grupo semella más sólido do que se podía agardar inmediatamente despois das eleccións. 

Sen embargo, penso que o PSdG non está abordando o seu debate principal; o que realmente precisa e o que está adiando ata que haxa congreso. Creo que o PSdG errou na xestión das alianzas coas Mareas despois das municipais. Na maioría dos casos a política de pactos foi negativa, tanto externa coma internamente e aí están os exemplos de Ferrol ou de A Coruña, onde o partido quedou notablemente desgastado.

O PSdG errou na xestión das alianzas coas Mareas despois das municipais. Na maioría dos casos a política de pactos foi negativa

Pero as treboadas son de maior intensidade aínda nas Mareas. A fronte non consegue unificar criterios e, menos ainda, definir un líder claro. As loitas intestinas entre as distintas formacións: Podemos Galicia, Anova, EU, etc. restan credibilidade e trasladan unha imaxe de permanente inestabilidade onde ás veces semellan gañar as ambicións de cada grupo.

En política, o peor é a incapacidade de resolver conflictos. Solucións que se adían con manobras retóricas, pero sen que se poñan en práctica, en definitiva. E isto, máis cedo ca tarde, pode pasar factura nas próximas citas electorais.

Sen dúbida un dos beneficiarios das loitas internas de En Marea é o BNG. A súa voceira, Ana Pontón, logrou transmitir unha imaxe máis cercana, mantendo ideolóxicamente o seu discurso tradicional.

Porén, semella que coas últimas dimisións o BNG pon un teito ao seu crecemento e suliña a sua tendencia a ser un partido minoritario no Horreo, deixando claro, iso sí, que a dirección aposta pola coherencia de non ceder nos seus principios antes ca medrar en base ás tendencias do momento. 

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

A política dos últimos tempos ten demostrado que facer previsións e acertalas son cuestións ben distintas. Nembargantes, será inevitable que os partidos afronten importantes retos:

O PPdG deberá encetar o queixo da sucesión de Alberto Núñez Feijóo. Delicado. Non parece viable que o actual presidente da Xunta volva a presentarse en Galicia. Sen embargo, na miña opinión, ten ainda por diante carreira política no PP.

De Sermos valoro a súa edición atraínte, moderna e actualizada e, canto ao seu futuro, creo que debería asumir o reto de ampliar o seu público obxectivo

Ao PSdG espéralle unha travesía polo deserto a partir do próximo congreso nacional. Atopar un candidato de consenso que sexa quen de xuntar o partido ao tempo que leva a cabo unha imprescindible renovación. Se é así, sairá do túnel.

Na Marea vexo a división como inevitable. A pesar dos intentos de unificar esta esquerda nacionalista, semella moi complexo compaxinar intereses tan diverxentes, sobre todo se se producise algún que outro revés electoral.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Creo que nuns momentos nos que a información se consume a través de tantas plataformas, un medio como Sermos  conseguiu consolidarse coma un diario dixital de referencia nun espectro ideolóxico definido. Valoro a súa edición atraínte, moderna e actualizada e, canto ao seu futuro, creo que debería asumir o reto de ampliar o seu público obxectivo e, a través dun tratamento informativo máis amplo, tentar ser tamén referente informativo para todas as sensibilidades sociais.