Prado carga contra Sánchez por recorrer a Lei do litoral da Galiza
O Partido Popular da Galiza ten unha nova fronte aberta co Goberno do Estado. Nesta ocasión, o recurso diante do Tribunal Constitucional do Executivo de Sánchez contra a Lei do litoral é a coartada.
A secretaria xeral do Partido Popular da Galiza, Paula Prado, non aforra palabras grosas para denunciar o recurso do Goberno do Estado contra a Lei do litoral galega, unha norma que o movemento ecoloxista sempre rexeitou.
Salvar a Ence
As entidades en defensa do Medio Ambiente consideran que tras a decisión da Xunta da Galiza de asumir a xestión do dominio público marítimo-terrestre, agóchase a intención de blindar a pasteira de Ence no seu actual emprazamento.
Prado argumenta que a competencia da xestión do dominio público marítimo-terrestre foi transferida a “Catalunya, Andalucía, Baleares ou Canarias”. Porén, estes territorios procederon previamente a reformar os seus estatutos de autonomía, algo ao que os populares galegos se negaron en repetidas ocasións.
A dirixente do PP xustifica a proposta da súa formación asegurando que “a normativa estatal actual ameaza 4.000 edificacións costeiras como centros de saúde, colexios ou vivendas particulares, así como 100 empresas da cadea mar-industria”.
A número dous dos populares galegos crítica o recurso do Executivo estatal, asegurando que “ aínda en funcións, Sánchez segue coa súa teima de arrasar o noso litoral e condicionar o futuro de miles de familias galegas”.
‘Gobernar a costa da Galiza’
“Segue querendo gobernar a costa da Galiza e o que é peor: coa complicidade do PSdeG e do BNG”, asegura a secretaria do PP, quen avanza unha ofensiva institucional contra esta decisión.
Prado afirma que “desde o PPdeG non entendemos este novo ataque: un chiste urdido no Consello de Ministros”. Neste sentido, apunta que “o Sánchez que considera inconstitucional a Lei do litoral da Galiza é o mesmo que considera constitucional a amnistía”.
A responsábel do PP significa a vontade da súa formación de seguir defendendo esta proposta de xestión do litoral, “unha lei que o Goberno de Sánchez tivo a valentía, e o descaro, de recorrer esta semana ante o Tribunal Constitucional”.