Columnistas apoian na imprensa galega o veto antidemocrático

Artigos de opinión dan a razón desde as páxinas de La Voz de Galicia, El Correo Gallego e La Opinión á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.


A totalidade dos artigos publicados esta terza feira na imprensa galega ao redor do veto imposto pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, á cidadanía son para defender a imposición.

Columnas en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e La Opinión pronúncianse na liña do manifestado polo vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PP, Alfonso Rueda. Isto é: "totalmente de acordo".

Di Roberto L. Blanco Valdés no seu artigo Pero, ¿quién representa al pueblo? que a decisión de Rojo "non só ten amparo no seu regulamento, senón no sentido común democrático máis elemental", e acrecenta que a oposición no Hórreo se fai "desde os escanos e non desde a tribuna de invitados".

Tamén arremete contra as tres forzas da oposición que teñen representación na Cámara ao subliñar que "deberían ser os primeiros en defender ese principio, que a eles beneficia máis que a ninguén".

Blanco Valdés defende a decisión de Rojo desde "o sentido común democrático máis elemental"

En termos semellantes fala Xosé Luís Barreiro Rivas nunha peza que intitula Independencia que no admite matices. Defende que a presidenta do Parlamento reserve para si propia a potestade de decidir quen entra e quen non na Cámara cun curioso argumento: "os parlamentarios non están suxeitos a mandato imperativo".

Di que a súa "independencia" é "un principio preconstitucional" que "non exclúe o dereito de interpretación e crítica aos deputados sempre que se realice fóra da sede parlamentaria e sen dar a imaxe de que son os vociferados os que representan o pobo". Imaxe que Barreiro Rivas cualifica de "aberrante" e, para a evitar, "a presidenta está obrigada a tomar as medidas necesarias".

Tamén El Correo Gallego se suma ao apoio mediático a Pilar Rojo na súa sección Diana. Menos de dez liñas dan ao autor ou á autora para recoñecer que no Parlamento "deben estar todos representados" e matizar deseguido que "non é o mesmo que estar presente". Quen ten a exclusividade de acceder á Cámara son @s deputad@s e "se alguén máis quere visitala e ver como súan e se gañan o soldo as súas señorías" deberán facelo "sen algarabías". A breve peza vai intitulada a modo de mandato xudicial: ¡Orden en la sala!

"Estar representado non é o mesmo que estar presente", defende El Correo Gallego

Por derradeiro, Fernándo González Macías defende o veto desde as páxinas de La Opinión co artigo Público sí, pero dentro de un orden, un resumo exacto do imperativo de Rojo. Fala o autor da protesta que as persoas afectadas pola estafa das preferentes transladaron ao primeiro pleno desta lexislatura. E refírese a ela como "unha seria ameaza á integridade física dos parlamentarios", acrecentando que "unha parte dos que sustentan o goberno da Xunta se sentiron coaccionados". Quen decide manifestarse aproveitando as sesións plenarias, para que as súas queixas sexan, efectivamente, ouvidas son, ao entender de González Macías, "alborotadores profesionais e personaxes antisistema".