Preocupación no PP polos posíbeis malos datos electorais na próxima enquisa do CIS

Rajoy votando no Congreso

O escándalo das tarxetas negras de Caja Madrid e a mala xestión da crise do ébola estaban na primeira liña informativa cando se realizou a sondaxe, polo que todo indica que se incrementará a caída da formación gobernante.

Dirixentes do PP estatal expresaron a súa preocupación ante a fotografía electoral que poida ofrecer o Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de outubro, o próximo estudo que inclúe intención de voto, pois as entrevistas para a enquisa realizáronse en pleno escándalo das tarxetas negras de Caja Madrid e nos primeiros días da crise do ébola que afectou a un enfermeira galega.

O CIS tamén valorará a saúde do PSOE, o posíbel crecemento de Podemos ou a forza do soberanismo, de xeito especial o de ERC

Esta enquisa, cuxos resultados se coñecerán a principios de novembro, baséase en preto de 2.500 entrevistas persoais realizadas nas dúas últimas semanas, nun contexto político adverso para o PP, segundo admitiron fontes populares á axencia Europa Press.

E é que, ao ocorrido a finais de setembro -a dimisión do ministro Alberto Ruiz Gallardón tras frustrarse a reforma do aborto e a convocatoria da consulta soberanista catalá-, únese a aparición do escándalo das tarxetas opacas, que vén copando os informativos desde o día 3 e que salpicou aos grandes partidos e a figuras tan destacadas do PP como o seu ex-vicepresidente Rodrigo Rato, que aínda é militante da organización.

Así mesmo, o inquérito do CIS valorará a marcha de Pedro Sánchez no deprimido PSOE, a irrupción de Podemos ou a forza do soberanismo, especialmente en Catalunya da man de ERC.