A primeira cimeira a tres cumpre co guión previsto, mais as negociacións continúan abertas

Un momento do encontro

Apenas 2 horas e media investiron as tres equipas negociadoras de PSOE, Podemos e confluencias e Cs en saldaren a súa primeira reunión. En realidade, a noticia era esa, que se reunían, após o PSOE conseguir que se levantasen os vetos recíprocos entre Cs e Podemos. A noticia agora é que a negociación, após este primeiro asalto, continúa aberta.

O ponto de partida da negociación é o acordo xa alcanzado no seu día por Cs e PSOE. Situado nesa tesitura, Podemos optou por levar unha proposta propia. As equipas de Sánchez e Rivera comprometéronse a estudala. A formación liderada por Iglesias mantén, no seu texto, a defensa do direito a decidir, embora sen recoller explicitamente o referendo que demanda Catalunya. O grupo confederal de Podemos -no que se integran En Marea e En Comú Podem- opta pola fórmula de demandar a “aceitación do direito a decidir naquelas nacións que o formulasen con especial intensidade”.

Como acostuma acontecer, o post-match -o que se xoga perante a imprensa despois da reunión propiamente dita- é o que permite formarse unha impresión sobre os resultados desta primeira rolda de negociación.

Aquí Podemos tamén optou por marcar distancias e desta volta a táctica foi non comparecer perante os meios, co argumento de que serán os seus órgaos de dirección os que fagan a avaliación pertinente esta sexta feira. Por súa parte, o PSOE quixo aferrarse a un discurso optimista, embora -por boca do seu portavoz, Antonio Hernando- a marca socialdemócrata admitiu que “sigue sendo  [o acordo] moi difícil”. No flanco direito, o chefe da delegación negociadora de Cs -José Manuel Villegas- dixo: “As posicións están moi lonxanas, hai pouca marxe”.

A formación liderada por Iglesias mantén, no seu texto, a defensa do direito a decidir, embora sen recoller explicitamente o referendo que demanda Catalunya

Esta “pouca marxe” dá pé ao PSOE a manter a esperanza dun acordo que invista Sánchez: Hernando enfatizou que por vez primeira Cs se avén a estudar unha proposta de Podemos.

A presenza de En Marea

Por parte de En Marea, tomou parte na reunión o deputado Antón Gómez Reino, dirixente de Podemos, após Anova decidir non enviar Alexandra Fernández por considerar incongruente manter unha reunión cunha forza, Cs, que Beiras baptizou como PPbis. Porén, Beiras non considerou incongruente que si fose unha representación de En Marea -da que fai parte Anova- á reunión.