A primeira enquisa sobre as galegas baralla unha suave caída do PP

Parlamento de Galiza

Pasaría de 41 a 37 escanos no marco dun hemiciclo máis fragmentado. 

A empresa Sondaxe vén de publicar a primeira enquisa electoral cos comicios do 25 de setembro como albo. En total 1.450 enquisas telefónicas e persoais cunha marxe de erro do 2,63% que prevén unha pequena caída do Partido Popular que pasaría de 41 escanos actualmente a 37.

A formación liderada por Alberto Núñez Feijóo sería a máis votada en todas as circunscricións mais podería perder o goberno galego. 

A enquisa, cunha marxe de erro do 2,63%, realizouse entre o 20 de xullo e o 3 de agosto e está composta por 1.450 entrevistas 

O hemiciclo que debuxa a empresa de inquéritos incorpora novas forzas con representación parlamentar e maior fragmentación entre a bancada esquerda. Neste senso, a segunda forza sería o PSOE con 15 asentos --fronte aos 18 actuais-- seguido de En Marea (12) e Podemos (6). A enquisa foi realizada tomando como referencia unha concorrencia por separado de ambas as dúas forzas políticas. En Marea, unicamente ficaría por diante dos socialistas na circunscrición da Coruña. 

Pola súa banda o BNG obtería 5 escanos, dous menos que nas eleccións de 2012, o 7,4% do voto e representación nas catro circunscricións. 

A enquisa realizouse entre o 20 de xullo e o 3 de agosto, a máis de 50 días da cita electoral e coas formacións políticas --agás o BNG-- sen elixir candidaturas nen programa.