A principal dirixente galega de Podemos nega o debate nacional sobre Galiza

Bescansa

Carolina Bescansa afirma que “o que hai que resolver é a economía” en contra doutros debates que poidan ter relación; fala dun programa conxunto para todo o Estado e anuncia que se presentarán “con papeleta propia” ás autonómicas.

 

“O carácter nacional de Galiza está resolto para a inmensa maioría da sociedade, o que hai que resolver é o problema económico”. Así se pronunciou nunha entrevista con Europa Press a dirixente estatal de Podemos Carolina Bescansa, tamén agora mesmo a máxima referencia galega da formación que lidera Pablo Iglesias.

“O problema fundamental de Galiza non ten que ver coa súa identidade cultural senón coa situación económica. Iso é o que hai que arranxar aquí e no conxunto do Estado, así como a recuperación da soberanía, a democracia e a capacidade de decidir o modelo económico no que queremos vivir. Iso si que é un problema”, afirmou a partícipe da cúpula de Podemos.

Así mesmo, Bescansa cualificou de “ilusionante” o proceso de elección do Consello Cidadán galego -que se define para a semana- e anunciou que o seu partido concorrerá ás próximas eleccións galegas con “papeleta propia”, o que suxire que non buscarán confluencia con outras formacións. Ademais, Podemos fará un documento “integral” que será a guía “conxunta” para todos os territorios do Estado.