PSC, Ciudadanos e PP levan ao Constitucional as leis catalás 'de desconexión' con España
A Mesa do Parlament ratificou a súa decisión inicial de admitir a creación de tres ponencias conxuntas para redactar esas leis, algo que querían bloquear socialistas, populares e Cs.
A Mesa do Parlament ratificouse en admitir a creación de tres ponencias conxuntas para redactar as leis do 'procés': de Facenda, de Seguridade Social e de transitoriedade xurídica; e rexeitou as peticións de reconsideración presentadas por PSC, PP e Ciudadanos. A ratificación tivo lugar após escoitar a Xunta de portavoces da Cámara, que se posicionou a prol desas ponencias conxuntas grazas á maioría de JxS e a CUP.
O PSC, PP e CS van recorrer perante o Tribunal Constitucional, segundo informan na Cadena Ser. Lembran que até os servizos xurídicos da Cámara aconselleran procurar outra vía de trámite distinta que a ponencia conxunta pois non conta co apoio de todos os grupos. Porén, desde o independentismo lembraron que en pasadas lexislaturas tamén se empregou esta vía sen que contase con apoio de todos os grupos e iso non xerou ningunha controversia.
As coñecidas como 'Lleis del Procés' que impulsan JxS e a CUP procuran ir camiñando cara a constitución dunhas ferramentas soberanas catalás, á marxe das do Estado español.